Fentos e coníferas xigantes: a dieta dos dinosauros na península durante o Cretácico

Investigadores da UVigo participan nun estudo internacional que identifica plantas dun xacemento de Castellón de hai 125 millóns de anos

Un equipo multidisciplinar e internacional de paleontólogos acaba de publicar un estudo no que dan a coñecer o tipo de vexetación que formaba parte dos ecosistemas ibéricos con dinosauros durante o Barremiense superior, a cuarta idade do Cretácico inferior. Deste xeito, a investigación, que acaba de ser publicada pola revista Cretaceous Research, permite identificar a flora que conformaba estes ecosistemas hai 125 millóns de anos e, polo tanto, determinar que as coníferas e os fentos eran a base da alimentación dos dinosauros herbívoros naquel período.

O estudo foi realizado por un equipo de investigadores da Universidade de Vigo (UVigo), da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), da UNED, da Universidade de Bonn e do Museo de Historia Natural de Suecia. O autor principal do artigo é Iván Rodríguez-Barreiro, que xunto con José Bienvenido Diez, ambos do departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio, son os representantes da UVigo neste proxecto, no que tamén colabora Artai Santos, que realizou o seu doutoramento na universidade olívica pero agora está incorporado Naturhistoriska riksmuseet, en Estocolmo.

Publicidade

O estudo céntrase nos sedimentos que afloran na comarca de Els Ports, e máis concretamente, na localidade de Morella (Castellón). Esta é unha zona de especial relevancia para a paleontoloxía na península ibérica pola abundancia de restos fósiles de dinosauros que habitaron esta rexión hai uns 125-120 millóns de anos, durante o Cretácico Inferior. Non obstante, nas últimas décadas foron moi poucos os traballos que se centraron es investigar sobre a vexetación que conformaría os ecosistemas e, polo tanto, unha parte importante da dieta de dinosauros como Iguanodon ou Morelladon. 

Este novo traballo presenta unha detallada descrición dos restos palinolóxicos dun dos últimos xacementos localizados na Concesión Minera Vega del Moll, que ademais sacou á luz un novo, e aínda por estudar, exemplar de dinosauro relacionado coa especie Iguanodon bernissartensis. En total, os investigadores puideron documentar un total de 27 xéneros de esporas, poles, algas e dinoflaxelados e, cos datos obtidos, identificar que “as comunidades de plantas que acompañaban as poboacións deste dinosauro estaban dominadas por coníferas que podían acadar grandes dimensións”, como o grupo das extintas Cheirolepidiaceae.

Publicidade

Ademais, engaden os investigadores, “estaban acompañadas de fentos arborescentes do grupo das ciateáceas e outras coníferas que acadaron xigantescas alturas pertencentes ao grupo das podocarpáceas, actualmente restrinxidas ao hemisferio sur”. Toda esta vexetación, explican, estaría secundada por un denso sotobosque formado por fentos de pequeno tamaño e plantas hepáticas, entre as que se moverían as poboacións de Iguanodon e outros dinosauros de costumes gregarios.

Coñecida a flora deste ecosistema, os investigadores puxeron o foco nos hábitos alimenticios de dinosauros como Iguanodon ou Morelladon, e os resultados obtidos suxiren que tanto as frondes destes dous grupos de fentos como as follas desas coníferas poderían estar entre as principais fontes de alimento das poboacións europeas máis meridionais de Iguanodon bernissartensis.

Nesta foto nun xacemento están Iván Rodríguez-Barreiro, Artai Santos e algúns dos co-autores da UNED (Francisco Ortega abaixo no medio, e Jose Miguel Gasulla abaixo á dereita).

Un ecosistema cálido e húmido

Nestes traballo os investigadores tamén estudaron o ambiente sobre o que se depositaron os materiais que deron lugar ao xacemento e discutiron a súa relación cos ambientes sedimentarios doutras localidades europeas nas que tamén se acharon restos fósiles do dinosauro Iguanodon bernissartensis. En concreto, a evidencia fósil tanto florística como sedimentolóxica indica, segundo os expertos, que o ecosistema nesta rexión peninsular correspondíase cun bosque costeiro moi próximo a unha zona deltaica na que as condicións ambientais eran cálidas e húmidas.

Finalmente, desta análise comparativa tamén se puido determinar que esta especie de dinosauro herbívoro, amplamente distribuído pola rexión máis occidental do que actualmente é Europa, presentaba unha ampla plasticidade en canto á selección de ambientes, o que lle permitiu ser un dos dinosauros cun maior éxito ecolóxico dentro das comunidades con dinosauros do Cretácico Inferior europeo.


Referencia: Palynological reconstruction of the habitat and diet of Iguanodon bernissartensis in the Lower Cretaceous Morella Formation, NE Iberian Peninsula (Publicado en Cretaceous Research)

Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais