Atopan altos niveis de chumbo e mercurio en ósos da necrópole da Lanzada

Unha investigación de científicos da USC constata a contaminación xerada pola minaría romana mediante a análise de varios esqueletos

O alto grao de sofisticación que acadaron a enxeñaría e a industria do imperio romano segue fascinando hoxe en día. Porén, tivo unha cara negativa que se pode asemellar á situación vivida moitos séculos despois, coa Revolución Industrial, que incrementou de novo os niveis de polución no aire. E así o expón unha investigación liderada por científicos da Universidade de Compostela a partir das análises dunha das necrópoles máis salientables da época da Gallaecia romana, a da Lanzada. O traballo, que publica a revista Science of the Total Environment, destaca a presenza de metais pesados derivados destas actividades, como o chumbo e o mercurio, nos esqueletos analizados no xacemento.

Niveis de chumbo e mercurio na etapa romana e na posterior. Fonte: López et al. (2020).
Niveis de chumbo e mercurio na etapa romana e na posterior. Fonte: López et al. (2020).

“A minería e a metalurxia masivas deses séculos reflíctense á perfección nos ósos das persoas que viviron nese ambiente contaminado”, explica a directora da investigación, Olalla López Costas. A arquéologa salienta que “os habitantes de época romana tiñan contidos de chumbo e mercurio dúas veces superiores aos da época medieval inmediatamente posterior, con independencia da idade ou o sexo dos individuos”, sinala López Costas.

Publicidade

Os datos apuntan, por tanto, a que toda a poboación estivo suxeita a esta contaminación e que esta chegaba principalmente por vía aérea, sen relación estreita por tanto cos seus modos de vida ou alimentación.  A investigación permitiu confirmar, ademais, o que xa revelaron no seu tempo os rexistros de metais tóxicos, como o chumbo, preservados nas  turbeiras do Xistral en Lugo: o período romano representou un clímax na contaminación atmosférica debido á intensa actividade mineira e metalúrxica que tivo lugar no noroeste, como nas Medulas, e outras rexións de España.

Os niveis da época romana son dúas veces superiores aos da etapa posterior, xa na Idade Media

Chumbo e mercurio nos ósos

O estudo destaca que a contaminación por metais pesados como chumbo e mercurio afectaría a toda a poboación. “A contaminación, e en especial a dos metais, tan prexudicial para o noso corpo, é unha consecuencia da actividade humana e leva afectándonos desde os seus inicios. É o prezo que levamos pagando. Hai individuos romanos que presentan ata un 85% do chumbo dos seus ósos procedente de contaminación, mentres que en época medieval cando baixa a actividade tamén diminúe o sinal nos esqueletos. Todo isto nun xacemento afastado dos grandes focos da minaría como é A Lanzada”, explica López Costas.

O traballo agora presentado é o buque insignia dun proxecto sobre o efecto da contaminación por metais no pasado en Europa, desvela ademais que os ósos arqueolóxicos son un arquivo directo dos cambios ambientais. Na actualidade, no grupo EcoPast están a realizarse dúas teses doutorais, unha sobre mercurio en ósos humanos e outra sobre chumbo en ósos animais de diversos períodos, para avanzar no coñecemento das repercusións da contaminación atmosférica.

Noemí Álvarez Fernández, Olalla López Costas e Antonio Martínez Cortizas. Foto: Santi Alvite.
Noemí Álvarez Fernández, Olalla López Costas e Antonio Martínez Cortizas. Foto: Santi Alvite.

A Lanzada, un xacemento clave

Unha vez máis a necrópole da Lanzada, obxecto de numerosos estudos previos, demostra o seu gran peso para explicar o pasado galaicoromano. Nesta ocasión, os investigadores valéronse dos restos óseos achados nas dúas áreas de enterramento, unha de época romana e outra medieval, que cobren un período continuo de 700 anos, algo único na Península Ibérica.

Ademais de Olalla López, participan os investigadores da USC Noemí Álvarez Fernández e Antonio Martínez Cortizas xunto a un elenco de colaboradores de Suecia, Reino Unido, Alemaña e Bélxica que permitiu descubrir ata onde chega a pegada da contaminación en período romano.

“A Lanzada sería considerado un lugar estrela para a ciencia nun país como Inglaterra”


Referencia: Human bones tell the story of atmospheric mercury and lead exposure at the edge of Roman World (Publicado en Science of the Total Environment).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo produto permite reducir as emisións contaminantes nas explotacións gandeiras

Investigadores da UVigo desenvolven un 'biochar' de alta flotabilidade elaborado con residuos forestais que actúa como filtro sobre as fosas de xurro

O chumbo que chega ás rías muda de orixe: das emisións industriais á influencia natural

A análise de algas pardas ao longo de tres décadas confirma unha evolución nas procedencias do metal vinculada tanto ás políticas ambientais como ás transformacións costeiras

O vídeo que amosa os efectos da vertedura de aceite de palma nas praias da ría de Vigo

Novas imaxes obtidas no Morrazo documentan a retirada de toneladas de area contaminada, mentres persisten os riscos para o ecosistema mariño e a industria mexilloeira

Aceite de palma na ría: calma oficial, ciencia ausente

O investigador do IIM-CSIC Antonio Figueras advirte do impacto físico e biolóxico do produto no ecosistema mariño