Cando Sito Miñanco quixo patentar unha vacina contra o cancro

Houbo un tempo en que Sito Miñanco aparentaba ser Robin Hood. En 1990, paseaba por Cambados cun Ferrari Testarossa como o que pilotaba Sony Crockett na serie Miami Vice. Pero, ao mesmo tempo, comportábase como un filántropo, que prestaba cartos aos veciños máis necesitados, daba traballo aos parados e triunfaba co Juventud de Cambados, equipo ao que levou da Rexional Preferente ata a fase de ascenso a Segunda División ou de xira futbolística polo Panamá do xeneral Noriega.

“O clan de “Sito” funcionaba engraxado, sen fisuras. E contaba cun combustible esencial: a aceptación social”, explica o xornalista Nacho Carretero na súa aclamada obra “Fariña”, onde recorda que pagou “varias operacións cirúrxicas e tratamentos médicos a veciños que non os podían pagar”. E lembra tamén un dos episodios máis rocambolescos da súa vida, cando decidiu iniciarse na investigación científica: “Quixo ata patentar ideas delirantes, como unha suposta vacina contra o cancro. Non é broma: a Policía rexistrou varias conversas cun catedrático de Hungría co que negociaba a patente”.

Publicidade

Un xornalista colaborador de Miñanco foi detido regresando de Hungría 

A aventura farmacéutica de José Ramón Prado Bugallo comezou nun país colapsado. A República Popular de Hungría desaparecía como estado en 1989, mentres Sito Miñanco tentaba facer negocios nas súas ruínas. No difícil tránsito cara á Hungría post soviética, o contrabandista galego pensou que alí podía haber unha oportunidade. Así que contactou cun científico da Universidade de Budapest que anunciara importantes avances nunha vacina contra algúns tipos de cancro. E enviou a negociar a un dos seus colaboradores, o xornalista Pedro Galindo, quen traballara en Televisión Española ata que foi fichado por Miñanco como asesor de comunicación e outras encomendas.

No xuízo da Operación Nécora, o contrabandista explicaba o negocio, presentándose como un filántropo: “Quixen averiguar que había de verdade”, contoulle ao fiscal na sala de vistas, “porque, fíxese vostede o beneficioso que sería para o país poder distribuir esta vacina entre os enfermos”.

A operación non saiu ben. O 24 de xaneiro de 1991, o xornalista Galindo era detido no aeroporto de Barajas cando desembarcaba dun voo dende Hungría, acusado de colaborar co contrabandista. E así rematou a súa tentativa de introducirse no negocio da investigación farmacéutica. Como recorda Nacho Carretero: “Sito dicía que era o negocio que o ía retirar”. Pero nada resultou como el pensaba. O pasado 5 de febreiro de 2018 Miñanco foi detido por enésima vez, desta volta nunha operación en Alxeciras. E a acusación, unha vez máis, tiña a súa dose de ironía: un delito contra a saúde pública.

3 COMENTÁRIOS

  1. Non vin como se chamaba o cientifico de Hungria. En todo caso entendo que el non sabia nada do que lle financiaba as investigacions.

    • Que fora quen fora… creo bastante mais que el intentara buscar unha solucion que os mierdas de politicos e basura que temos representandonos e manejando a sanidad “privada” que temos.
      Atentamente un amante do grandissimo Sito Miñanco

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a medicina integrativa?: a pseudoterapia empregada por famosos como Elle Macpherson

Algunhas prácticas destas terapias non convencionais teñen beneficios para a saúde: aínda así, non poden substituír as prácticas sanitarias avaliadas pola ciencia

Os móbiles causan cancro? A ciencia descarta esta relación tras 30 anos de estudo

A evidencia non mostra un aumento significativo no risco dos tipos de cancro máis investigado asociados co uso de teléfonos

Tres consellos para levar unha vida activa e combater o estrés e o cancro

Diversas investigacións amosan que os pacientes con maior proporción de músculo experimentan unha quimioterapia máis eficaz e menos tóxica

Un algoritmo identifica os mellores fármacos para trastornos xenéticos e cancro

Un novo modelo computacional é capaz de predicir os sinais de 'stop' prematuros detrás de patoloxías causadas por un único xene