Arqueólogos galegos estudan como o pastoreo deu forma aos cumes de Babia

As actuacións, nas que participa un equipo de 12 especialistas, están coordinadas por David González Álvarez

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, Santiago de Compostela) dirixe estes días escavacións arqueolóxicas en enclaves pastoris das Fontes do Sil, nas inmediacións da localidade da Cueta (Cabrillanes, León). O equipo está formado por 12 especialistas baixo a coordinación científica e técnica de David González Álvarez, investigador do CSIC no INCIPIT, quen destaca que “este tipo de estudos arqueolóxicos mostran un enorme potencial, e constitúen unha iniciativa pioneira na investigación dos cumes máis elevados da Cordilleira Cantábrica”.

O INCIPIT leva traballando na zona desde 2017 co obxectivo de explorar, na comarca de Babia, as pegadas que o pastoreo deixou nestas montañas desde hai milenios. “Polo momento, puidemos datar moitas desas construcións en diferentes momentos históricos, entre a prehistoria recente e os nosos días. Destacan algunhas ocupacións detectadas na contorna da lagoa das Verdes, en Torre de Babia, con evidencias da presenza de pastores prehistóricos fai uns seis mil anos; así como restos de cabanas ocupadas en tempos medievais, cando Alfonso X ‘o Sabio’ favoreceu a fundación do Honrado Concejo de La Mesta de Pastores. Conforme avanzan os traballos, chama a atención a diversidade en formas, tamaños e localizacións das estruturas investigadas, aspectos que centran a análise deste equipo para comprender os cambios e continuidades nas actividades gandeiras”, explican desde o equipo.

Publicidade

“Durante as próximas dúas semanas realizamos escavacións arqueolóxicas en enclaves pastoris das Fontes do Sil, nas inmediacións da localidade da Cueta (Cabrillanes, León), grazas a financiamento do CSIC e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Esperamos a recuperar datos útiles para caracterizar como cambiou o pastoreo nestes espazos, nos que aínda varios rabaños de ovellas trashumantes chegados de Estremadura aproveitan os seus ricos pastos cada verán”, avanza David González Álvarez.

Sondaxes arqueolóxicas

Algunhas das preguntas ás que pretenden dar resposta os investigadores son: dende cando os rabaños de gando aproveitan os pasteiros máis altos da Montaña Leonesa? como variou esta actividade ao longo da historia? como se adaptou a gandaría aos cambios ambientais ou históricos que condicionan o seu desenvolvemento? que efectos xera o uso pastoril destes espazos na súa contorna en diferentes etapas históricas?

Como metodoloxía para obter estas respostas, exploraron, mediante sondaxes arqueolóxicas, unhas 25 estruturas arruinadas que se recoñecían en diferentes malladas dos pasteiros de Babia. Dalgunhas delas, non había memoria sequera sobre a súa ocupación, mentres que outras ruínas de cronoloxía case pasan desapercibidas na contorna das cabanas actualmente en uso polos últimos pastores que aproveitan estes terreos elevados.

Nesta campaña de traballo de campo, os estudos concentraranse na área de Calderones, próxima aos cumes que dan sombra ao nacemento do río Sil. Alí, o equipo do CSIC escava unha cabana que foi ocupada na Antigüidade tardía, fai uns mil trescentos anos. “Presérvanse os restos arruinados do seu muro perimetral, un pequeno conxunto de fragmentos cerámicos semellante a pezas recuperadas en enclaves coetáneos de Zamora, así como os restos dun fogar repleto de carbóns, cuxa análise fálanos do aprovisionamento de combustible leñoso para quentar esa estancia. Nas proximidades desta cabana, a prospección superficial desvela trazas tenues de antigos cercados para o gando, ademais doutras cabanas. Nos próximos días, os traballos ampliaranse con prospeccións xeofísicas, traballos de teledetección con drons, e novas sondaxes que serán escavadas en estruturas non exploradas ata o momento. O que pretendemos é recompoñer pasaxes clave na biografía cultural destas montañas o cal nos axuda, en definitiva, a reflexionar sobre como as paisaxes de Babia foron modeladas polo pastoreo ao longo da historia ata dar forma, en boa medida, á súa configuración actual”, avanza David González Álvarez.

Como actividade divulgativa complementaria e dirixida ao público xeral no marco destas actuacións, o Club Deportivo de Montaña Babia organiza o próximo sábado 13 de maio, un roteiro de montaña, guiado por David González Álvarez, a través do popular itinerario das Fontes do Sil, cuxo percorrido transcorre polas inmediacións dalgúns enclaves investigados polos arqueólogos en anos previos. A visita incluirá a explicación sobre o terreo dos traballos de investigación arqueolóxica actualmente en marcha na zona de Calderones. É gratuíta previa inscrición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

A alimentación das vacas galegas xa non é un segredo: pódese trazar a través do leite

Investigadores galegos poñen a punto unha tecnoloxía capaz de discriminar os alimentos consumidos polas vacas a través de mostras da leite producida

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

Descubertas novas pinturas prehistóricas en Carballeda de Valdeorras

O conxunto está formado por tres formas de soles e unha posible silueta humana e podería estar datado na Idade do Bronce