Martes 27 Febreiro 2024

Armea, unha “auténtica cidade romana” entre carballos

A intervención arqueolóxica que durante o mes de xullo está a realizar o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo no castro de Armea, no concello ourensán de Allariz, entra na súa recta final e faino facendo un balance moi positivo dos resultados obtidos na campaña. Os traballos rematan deixando ao descuberto toda a zona do castro levantada nos anos 50 Francisco Conde-Valvís, abrindo novas áreas e realizando a datación da ocupación deste enclave. “Estamos ante un caso único en Galicia porque se trata dunha auténtica cidade romana, ocupada no século I e II, pero situada non na capital senón no rural”, apunta Adolfo Fernández, director da intervención.

Traballos de recuperación dos restos atopados en Armea.
Traballos de recuperación dos restos atopados en Armea.

Nos traballos levados a cabo no xacemento con financiamento do Concello de Allariz participa un equipo encabezado por Fermín Pérez, director do GEAAT e director científico do proxecto; o propio Adolfo Fernández, como director da intervención; tres arqueólogas predoutorais e un total de 20 estudantes de Historia procedentes de facultades de diferentes puntos da xeografía peninsular, ademais dos medios achegados polo concello. Este mércores o xacemento foi visitado por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz. “Este proxecto reúne todos os obxectivos desexables desde o punto de vista da universidade: é levado a cabo por un grupo de investigación, nel realizan prácticas alumnado noso pero tamén doutras universidades, estende á contorna a actividade universitaria e académica e é de utilidade para o territorio no que nos inserimos”, recalcou Virxilio Rodríguez durante a visita. “O xacemento está respondendo ás expectativas que tiñamos postas nel. Xa é un referente e un punto de atracción máis para Santa Mariña de Augas Santas”, sinalou o alcalde.

 “Estamos ante un caso único en Galicia”, din os arqueólogos

 Nesta nova intervención arqueolóxica no castro, os arqueólogos conseguiron acadar o seu obxectivo de deixar descuberto todo sector Valvís listo para a súa musealización. Ademais, déuselle continuidade a este sector escavando novos espazos contiguos. Deste xeito, apuntan os arqueólogos responsables do proxecto, os traballos de campo centráronse en deixar completamente ao descuberto a “domus sur” ou “domus da roseta”, unha das casas grandes do xacemento, da que se identificaron dous atrios, un interior e outro exterior, columnas e lousado. Os arqueólogos tamén descubriron unha rúa diagonal que delimita esta casa grande da roseta polo sur na súa cota superior. Ademais traballouse nunha segunda casa grande, a chamada “domus norte”, que agora queda parcialmente descuberta e sobre a que se agarda continuar traballando en vindeiras intervencións arqueolóxicas, xa que é a “zona natural” pola que se intúe que continuaría a urbanización ata o outeiro que preside a zona.

Nesta segunda casa chegouse aos niveis máis antigos do xacemento co obxectivo de realizar a secuenciación da ocupación do castro. Deste xeito, sinala Adolfo Fernández, e á vista da información recadada, a ocupación do lugar comezou a inicios do século I, xa en época romana, vivindo unha temperá romanización. Posteriormente, a finais do século I, o espazo é “amortizado” para construír as grandes domus e a urbanización da auténtica cidade romana cuxos restos actualmente perduran no xacemento. Finalmente, e tras vivir as casas unha evolución construtiva na que se foron engadindo novos compartimento e modificando os orixinais, o castro abandonaríase por completo a finais do século II. “Cada día avanzamos máis no descubrimento desta auténtica cidade de época romana. As casas, a urbanización, fálannos dun ambiente romano, dunha cidade romana clásica”, recalca o arqueólogo da Universidade de Vigo. Pola súa datación e ubicación, Fernández subliña como nesta zona se tivo que producir unha “romanización intensa e moi temperá” debido probablemente ao interese do imperio romano en controlar os recursos mineiros da zona.

O interese de Roma era controlar os recursos mineiros da zona 

Durante as escavacións realizadas durante o mes de xullo e que están a piques de rematar atopáronse numerosos restos arqueolóxicos. Os máis numerosos son fragmentos de cerámica, como tégulas romanas, pero tamén pezas de singular interese como unha peza de vidro millefiori, importada da Italia, unha moeda romana, a primeira que atopan nas escavacións, bronces e unha conta de colar, entre outros obxectos. As tarefas completáronse coa realización de varias sondaxes na contorna e co rexistro en debuxo e topografía dos espazos. Cando o venres remate a intervención arqueolóxica o proxecto continuará no laboratorio coa análise dos materiais e a información recollida e a realización de planos. Por último, durante toda a intervención e co lema de “aberto por obras”, o xacemento recibiu visitas guiadas coordinadas por Xeitura e apoiadas polos membros do equipo, que permitiron ás persoas interesadas coñecer de primeira man o lugar e vivir o “rebulir” dunha intervención arqueolóxica. Tamén houbo obradoiros de arqueoloxía para os máis pequenos e pequenas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro