O 1 de marzo de 1493, un barco chegou ao porto de Baiona cunha noticia que cambiou o curso da Humanidade. Adoita dicirse que aquela primicia era o descubrimento de América, que trouxo a Baiona a carabela La Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón. Pero o titular segue a ser hoxe motivo de controversia. Porque moitos defenden que os ‘descubridores’ de América foron os primeiros humanos que pisaron o continente, hai 14.000 anos. E outros que o mérito corresponde aos viquingos de Leif Eriksson, que se estableceron en Terranova en 985 d.C. Mesmo hai probas da presenza en Sudamérica de tribos polinésicas pouco antes da chegada de Colón.
A discusión será eterna, pero hai algo indiscutible: o mundo non volvería ser igual dende aquel día de hai 524 anos. E a noticia de feito segue a festexarse. Porque así será esta fin de semana coa Arribada, a gran festa de Baiona, que do 3 ao 5 de marzo espera reunir a case 200.000 persoas na emblemática vila nobre e mariñeira.
A arribada a Baiona da carabela Pinta, tres días antes de que Colón chegase a Lisboa a bordo de La Niña, supuxo tamén unha nova científica. Ou varias. Foi unha revolución para a xeografía e mudou a imaxe cartográfica do noso mundo. Pero tamén significou enormes novidades para as ciencias da vida, cun fabuloso intercambio entre Europa e América de especies de flora e fauna, pero tamén de microbios. Tratouse, en resumo, dunha auténtica festa de xenética, vivida a enorme velocidade.
Pero todo comezou coa Pinta, que hoxe pode visitarse en Baiona a través da súa réplica convertida en museo. Alí están representadas algunhas das novas especies que chegaron de América dende 1493.
O millo americano prendeu en Galicia e desprazou unha especie anterior
Unha das máis transcendentes para Galicia sería o millo (Zea mays), domesticado en tempos ancestrais en México. Chegou con Colón de América e desprazou con forza ao millo local, que era unha planta máis pequena e con menor aproveitamento. Tan boa foi a súa aclimatación que o millo americano mesmo lle roubou o nome ao tradicional, que pasou a chamarse paínzo (Setaria italica) ou millo miúdo. E ser unha especie de cultivo case residual. Din que a primeira referencia escrita do seu cultivo en Galicia ten data de 1610 na zona do Barbanza.
A bordo da Pinta chegaría tamén a mandioca ou iuca, outro clásico da agricultura americana, da que existen probas do seu cultivo hai 4.000 anos no Perú. Non é unha especie que se adaptase a Galicia, pero seguro que espertou a curiosidade. É un alimento básico en países tropicais e, no mundo, aínda é hoxe a terceira fonte de carbohidratos.
A carabela non trouxo a pataca, porque non chegaría a Europa ata despois das expedicións de Pizarro ao imperio inca. Pero si había batata, coñecida tamén como ‘pataca doce’ (Ipomoea batatas). O seu consumo non prendeu en Galicia pero adoitaba consumirse seca a xeito de larpeirada.
Chegou tamén a Baiona coa Pinta unha nova especie de feixón: o Phaseolus vulgaris. Esta faba era máis alimenticia que a que cultivaban os labregos galegos ata o momento, e que tiña a súa orixe en Asia. De feito, como aconteceu co millo, a nova rouboulle o nome a anterior. A que viña de América é a que hoxe coñecemos como faba. A especie nativa, a Vicia faba é hoxe coñecida como faballón.
Tamén grazas á Arribada chegarían a Galicia os primeiros pementos vistos en Europa. O nome común correspondía a que Colón pensou que o seu sabor picante era parecido ao da pementa (Piper nigrum). Aqueles pementos americanos eran o mesmo xénero Capsicum ao que pertencen por suposto os pementos de Padrón.
A Baiona chegou a canela, pero xa era coñecida porque a traían os portugueses nas súas Descobertas dende o Índico. Algo semellante aconteceu co algodón, que xa se coñecía en Europa, aínda que na variedade que viña desde a India e Persia polo comercio dos árabes.
Existe controversia científica sobre se a sífilis chegou na primeira viaxe de Colón
O tabaco (Nicotiana tabacum) si que foi unha novidade absoluta, mentres que Colón insistiu en traer grandes cantidades de agave, a mesma planta que se emprega para facer tequila. O seu interese, non entanto, estaba nas virtudes deste vexetal para fabricar cordas resistentes.
Coa carabela Pinta chegaron tamén a Galicia por primeira vez moitas froitas, algunhas delas desecadas, cuxos nomes non é posible identificar actualmente. E diferentes tipos de colorantes como o urucu (Bixa orellana) e a genipa (Genipa americana).
De animais, A Pinta traía mesmo unha iguana ou peles de curi, o coello de Indias. Aínda que din que vivos só chegaron uns papagaios que deberon de ser a sensación na Baiona de fai máis de cincocentos anos.
Para a controversia queda tamén outra novidade posiblemente traída pola carabela de Martín Alonso Pinzón: a sífilis. Porque sobre isto hai debate científico e teorías contrapostas, aínda que unha delas afirma que a bacteria espiroqueta ‘treponema pallidum‘ chegou de América a Europa coa primeira expedición de Colón. Aínda que hai rexistros sobre posibles infeccións por sífiles en Europa anteriores ao século XV, a dúbida continúa. Pero o certo é que, a partir desta data, a enfermidade correu como a pólvora polo vello continente.
Así que se cumpren 524 anos desde que chegou a Baiona unha noticia que cambiou a vida en Europa. E que iniciou a maior festa xenética da historia. Colón saíu na procura de especias e provocou unha revolución nas especies.