Xoves 28 Marzo 2024

Unha tese de doutoramento busca predicir as consecuencias da retirada deportiva

A investigadora Ainara Duque Ingunza trata de predicir, na súa tese de doutoramento ‘Análisis descriptivo y comparativo de deportistas de alto rendimiento retirados y en activo’, como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición, que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou mesmo perda de identidade.

A principal novidade é a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión, recoñece, “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.

Publicidade

Duque Ingunza, profesora da Facultad de Educación e Deporte da Universidad do País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea (UPV/EHU), realizou tamén para a súa investigación un estudo comparativo da percepción que tiñan deste momento futbolistas retirados e en activo da Real Sociedad de San Sebastián e do Atlético Osasuna. Neste primeiro estudo da tese, que a investigadora desenvolveu na Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Joaquín Dosil, puido constatar como os xogadores en activo non pensan na retirada, “pero cren que será positiva e necesitará pouco axuste”, mentres que os ex-futbolistas recoñecen que atoparon na transición máis dificultades das que crían.

Se ben algúns deportistas viven esta transición “de forma satisfactoria”, diferentes variables inflúen na súa adaptación a este momento de cambio, como a súa planificación previa, “a identificación exclusivamente deportiva” da persoa afectada ou as relacións co club ou a posibilidade de seguir ligado a este, entre outos, explica Duque.

A análise tamén permitiu comprobar que o 66% dos enquisados non pensou neste momento de abandono do deporte profesional, “o que impide a planificación da retirada”, o que a súa vez leva a que as dificultades ás que aludiron máis do 90% dos ex-futbolistas, como “a perda de estatus social e a dificultade de relación con familia e amigos”, apenas sexan mencionadas polos xogadores en activo.

Unha ferramenta que achega unha nova visión

A maioría dos cuestionarios deseñados dende o eido da psicoloxía do deporte están dirixidos a ex-profesionais, co propósito de coñecer a súa experiencia ou as causas da retirada. “O elemento común é que a maioría están dirixidos a deportistas xa retirados, é dicir, teñen unha visión retrospectiva. Esta visión ten limitacións porque o deportista soe racionalizar o momento da súa retirada”, salienta Duque das ferramentas de avaliación existentes, que deixan patente, ao seu xuízo, “a necesidade dunha maior sistematización das entrevistas e da observación e da creación de novos instrumentos de medida” que incorporen, como sinala, esa visión prospectiva.

Esta visión, que permite “predicir se os deportistas terán unha retirada positiva e fácil, ou, polo contrario, dificultosa” é precisamente a principal novidade do Cuestionario de Adaptación á Retirada Deportiva (CARD), que Duque Ingunza desenvolveu no marco desta investigación. Trátase dun instrumento integrado por 32 ítems que permite “ir construíndo un perfil de deportista que a priori terá máis dificultades no momento da retirada”, ao tempo que predicir esas posibles dificultades “e así poder intervir en caso necesario“.

Diferente percepción entre profesionais e amateurs

Unha vez validado o cuestionario, Duque empregouno para comparar as diferenzas na percepción que respecto desta transición poderían atoparse entre deportistas profesionais e amateurs, “en función da categoría, idade e xénero”. Para iso, presentou este cuestionario a futbolistas de Segunda, Segunda División B e Terceira e da Primeira e Segunda División Femininas.

Neste estudo constatouse de novo que as e os “deportistas non teñen a percepción de que vaian a ter unha retirada difícil”, como xa acontecera co realizado con futbolistas profesionais. Aínda que tamén permitiu comprobar como a idade, categoría e ocupación principal inflúen na percepción da mesma.

1 comentario

  1. Eu creo que en moitos casos hai deportistas que se retiran antes de tempo por presión social. Penso que cando un está nos arredores dos 35 e quizais o seu mellor momento. Únese a experiencia coa capacidade física dun Home/muller xoven. Por exemplo no caso dos astronautas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é a mellor opción para facer ‘cardio’ na casa?

Se estás pensando en mercar un aparello para adestrar pola túa conta, aquí tes os pros e contras das principais alternativas

Exercicio na casa sen metas milagreiras

Facer deporte no fogar pode ser boa idea para manter a forma, pero é preciso ter coidado cos resultados extraordinarios que prometen as redes sociais

Un estudo constata o ‘baixón’ no rendemento dos futbolistas a partir dos 30 anos

O investigador da UVigo Ezequiel Rey é un dos autores dun traballo internacional que recolleu datos de 419 xogadores de Primeira e Segunda División

Un estudo expón que o uso da máscara non afecta á capacidade física ao facer deporte

A análise de diversos parámetros fisiolóxicos non observa diferenzas significativas no caso de persoas sen patoloxías cardiorespiratorias