No ano 2006 botou a andar o Programa ConCiencia, impulsado pola USC e o Consorcio de Santiago e coordinado polo catedrático Jorge Mira, que ten por obxectivo traer á capital de Galicia aos referentes da ciencia mundial para achegalos á sociedade galega. Decenas de persoeiros, como John Nash, David Attenborough, Roger Penrose ou Serge Haroche visitaron Santiago e percorreron tamén varias zonas do país. Desde 2008, o Programa Conciencia entrega o premio Fonseca, en homenaxe a un dos fundadores da universidade compostelá, a algúns dos científicos máis destacados do mundo.
E na primeira edición, o galardoado co premio Fonseca foi Stephen Hawking. Un recoñecemento grazas ao cal o científico británico viaxou por primeira vez a Galicia, e percorreu o país durante unha semana, impartindo conferencias na universidade e institutos, como o Rosalía de Castro. Visitou tamén lugares como Fisterra, onde en 2017 se inaugurou unha praza co seu nome.
Foi o comezo dunha relación con Galicia que reforzou con dúas visitas máis en 2013 e 2015. Unhas estancias que deixaron pegada en Hawking, tal e como conta o profesor da USC José Edelstein, quen destaca que o físico recomendoulle a un dos seus asistentes que escollera Santiago de Compostela para pasar a súa viaxe de bodas.
E tal e como demostran as imaxes tomadas no seu despacho, Hawking tiña un lugar destacado para a estatua de Fonseca que lle entregaron en Santiago en 2008. En varias fotografías, algunha das cales escollía o diario The Guardian para a portada da súa web no día da morte de Hawking, o premio Fonseca aparecía destacado en primeiro plano. Do mesmo xeito, na súa páxina web na universidade de Cambridge, o galardón recibido en Santiago aparecía entre os destacados.