Os investigadores máis senlleiros de Europa no estudo das patoloxías relacionadas co tecido adiposo e o avellentamento reuniranse este martes 8 e o mércores 9 na Facultade de Medicina da USC no terceiro encontro anual do Consorcio Europeo de Lipodistrofias (ECLip) que preside o profesor da USC David Araujo-Vilar. A xuntanza coordínaa a Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas do Centro singular de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).
Asisten relatores de Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña, Holanda, Rusia e España procedentes de universidades públicas e centros de investigación de prestixio como as universidades de Cambridge, Pierre et Marie Curie, Ulm ou Roma Tor Vergata, entre outras, para impartir un total de 23 conferencias. Xunto aos/ás especialistas tamén se darán cita representantes de doentes.
O abano de temas a tratar permitirá discutir as cuestións de maior actualidade respecto deste conxunto de enfermidades raras, con especial atención ás bases moleculares, novas síndromes lipodistróficas, abordaxe diagnóstico, modelos celulares e terapias innovadoras. Aínda que se trata de patoloxías de baixa incidencia –englobadas nas chamadas enfermidades ultra-raras-, os expertos consideran que as súas implicacións no coñecemento de enfermidades comúns e complexas como a diabete, dislipemias, ECV ou outroas, resultan evidentes. A xuntanza con financiamento da Asociación de Familiares e Afectados de Lipodistrofias (AELIP).
Na Aula Castelao da Facultade de Medicina, o programa comezará ás 8.50 horas cunha sesión de benvida na que intervirá David Araújo-Vilar, para dar paso ás 9.00 horas á conferencia inaugural que pronunciará Felipe Casanueva.














