Un equipo da UDC, galardoado por crear sistemas de calefacción e refrixeración máis ecolóxicos

Os Premios á Transferencia tamén recoñecen unha tecnoloxía da USC para extraer das augas residuais un mineral moi apreciado na agricultura

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de fallar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Nesta décima edición recibíronse un total de 30 propostas para as dúas categorías do certame. Os dous traballos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

O premio “Francisco Guitián Ojea” recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se derivan claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Nesta edición, o galardón recaeu no proxecto de desenvolvemento de novos materiais e tecnoloxías en estado sólido para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros, eficientes e sostibles. É unha iniciativa de investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña (UDC) liderados por María Antonia Señarís.

Publicidade

Tal como destaca o equipo, “a evidente aceleración do cambio climático e a crise enerxética actual urxen a descarbonización de sectores como o da calefacción, refrixeración, ventilación e aire acondicionado; que na actualidade contribúe a máis do 8% da emisión de gases de efecto invernadoiro e representa en torno ao 20% do consumo de enerxía eléctrica mundial. Os sistemas de refrixeración comercial máis estendidos baséanse na compresión de vapor de gases refrixerantes, na súa maioría compostos fluorados con potenciais de quecemento global moi grandes. Por iso, outros refrixerantes como hidrocarburos, amoníaco ou o dióxido de carbono propóñense como alternativas máis ecolóxicas; aínda que os hidrocarburos son compostos inflamables estritamente controlados e o amoníaco é unha substancia tóxica e corrosiva”.

Os investigadores explican que “neste contexto, cobra moito interese o desenvolvemento de novos sistemas que empreguen refrixerantes sólidos en vez de fluídos, que non poden escapar á atmosfera e, por tanto, eliminan as emisións directas de gases de efecto invernadoiro. Ademais, son máis fáciles e seguros de transportar e manipular, máis doados de recuperar e reutilizar, ao seren máis compactos aforran espazo nas instalacións e durante o transporte, e melloran a eficiencia enerxética dos dispositivos resultantes”. Algúns destes materiais desenvoltos polo equipo xa están protexidos por unha patente.

Publicidade

Os membros do grupo salientan que, no caso de Galicia, a refrixeración e a calefacción son especialmente relevantes en sectores estratéxicos como a industria alimentaria, o transporte e a mobilidade sostible, aeroespacial, infraestruturas baseadas en enerxías sostibles como as turbinas eólicas, o sistema sanitario, a industria naval, a téxtil, ata a cultura e o lecer. “Velaí a necesidade imperiosa de desenvolver novas tecnoloxías de refrixeración alternativas que sexan economicamente accesibles, enerxeticamente eficientes e respectuosas co medio. Neste sentido, a nosa tecnoloxía pode impactar moi positivamente en ámbitos prioritarios como a alimentación humana saudable e funcional, medicina e saúde, e o desenvolvemento de téxtiles intelixentes”, manifestan.

Ademais, o equipo ideou un dispositivo capaz de aproveitar a presión das pisadas ao camiñar para transformar esta forza en efectos de refrixeración e quentamento, “o que resulta moi interesante para deseñar chans autorefrixerantes coas pisadas das persoas, zapatillas para mellorar o confort térmico persoal e o rendemento deportivo, ou mesmo pantallas táctiles para arrefriar os dispositivos electrónicos”, apuntan-.

Tecnoloxía galega transferida á empresa Aqualia

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía foi para o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC). O equipo, coordinado por Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou Dafne Crutchik, profesora da Universidad Adolfo Ibáñez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. O investigador salienta que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.

Segundo os datos achegados polos investigadores, a UE só produce o 1% de rocha fosfática, un recurso non renovable extraído de explotacións mineiras e considerado estratéxico, tendo que importar unha boa parte do fosfato que se utiliza para a produción de fertilizantes en agricultura, aditivos para alimentación animal e produtos químicos. “Un 86% deste recurso emprégase para a fabricación de fertilizantes para a agricultura. Por este motivo a recuperación de estruvita das EDAR axudaría a reducir a dependencia da UE de recursos externos,
aumentando a circularidade do proceso de depuración”, destacan.

Juan Manuel Garrido e Dafne Crutchik, membros do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS, equipo galardoado co premio "Fernando Calvet Prats". Foto: RAGC
Juan Manuel Garrido e Dafne Crutchik, membros do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS, equipo galardoado co premio “Fernando Calvet Prats”. Foto: RAGC

Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, a cuarta en Europa e novena no mundo do sector da auga. A compañía, que xestiona diversas EDAR en todo o país, implantou esta tecnoloxía na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz), onde se puxeron en marcha senllas plantas de recuperación de fosfatos.

O responsable da Delegación Norte de Aqualia, José Ramón Vázquez, sinala que “apostamos por procesos que melloren a eficiencia na xestión da auga e esta é unha tecnoloxía con moito potencial, tendo en conta ademais que moitos países xa obrigan a recuperar o fósforo das augas residuais e que a UE permite comercializar a estruvita. Solucionamos un problema nas depuradoras, melloramos a calidade da auga e, ademais, desenvolvemos un produto de grande utilidade para o campo”.

Explica que para fomentar a precipitación de estruvita úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia pola empresa Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo). “Isto permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita, tendo en conta que en España só hai dous produtores de óxidos de magnesio de calidade industrial e moi poucos na UE”, expón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta que declare o salmón “en perigo de extinción”

Cinco entidades ecoloxistas reclaman que a administración galega "asuma a súa responsabilidade" e protexa a especie

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos