María Quintas, na presentación do seu traballo.
María Quintas, na presentación do seu traballo.

Premios Arquímedes para dous traballos de fin de grao da Universidade de Vigo

Cada ano, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca o Certame Universitario Arquímedes, de Introdución á Investigación Científica, cos obxectivos de fomentar a combinación da docencia e a investigación nos centros universitarios e de favorecer a incorporación do alumnado ao ámbito investigador outorgando premios a proxectos orixinais de investigación científica e tecnolóxica realizados por estudantes. Na XIV edición desta iniciativa, unha egresada e un egresado da Universidade de Vigo acadaron cadanseu accésit, dotados con 1000 euros, polos seus traballos fin de grao sobre o branqueo de capitais e sobre o imposto progresivo sobre o gasto persoal.
María Quintas, graduada en Dereito pola Facultade de Dereito do campus de Ourense, foi a gañadora dun dos accésits polo seu traballo sobre 0 branqueo de capitais. “O proxecto que presentei é o resultado do meu traballo de fin de grao. Cando o rematei o meu titor, Virxilio Rodríguez, faloume da existencia deste concurso e animoume a presentarme, aínda que tamén me advertiu que seguramente moita xente mandaría os seus traballos e que non sería doado gañar”, explica Quintas. No seu traballo afonda no branqueo de capitais, “un delito eminentemente doloso pero no Código Penal español tamén se tipifica a comisión imprudente”. Neste contexto, apunta a egresada, “xorde a dúbida de como se pode cometer de forma imprudente un tipo que esixe que o suxeito coñeza a orixe delitiva dos bens e teña a intención de ocultar ou encubrir esa orixe ilícita dos mesmos ou axudar a quen participou na infracción a eludir as consecuencias legais dos seus actos”.

María Quintas gañou un dos accésit polo seu traballo sobre o branqueo de capitais

Para dar resposta a esta situación, comenta a investigadora, foi preciso formarse unha idea sobre o tipo doloso de branqueo e a comisión imprudente en xeral. Segundo explica, “unha vez centrados no tipo do artigo 301.3 do Código Penal, realizamos un índice co que fomos respondendo ás preguntas de quen pode cometer este delito, cal é o deber de coidado que se agarda deles, como se infrinxe e cando tal infracción é grave, pois só se sanciona a imprudencia grave”. As principais conclusións apuntadas no traballo “son que a finalidade da tipificación da comisión imprudente é facilitar os problemas de proba do dolo e do coñecemento da orixe delitiva dos bens e que os supostos de certa entidade, na maioría dos casos, serían reconducibles aos tipos dolosos e as operacións de bagatela non merecen o reproche penal por non haber unha afectación ao ben xurídico protexido (orde socioeconómica) de entidade suficiente como para requirir a intervención do dereito penal”.
A egresada presentou en Madrid o seu traballo ao xurado e atendeu as súas preguntas. “Éramos 25 finalistas, divididos en áreas de coñecemento. O meu traballo pertencía á Área de Ciencias Sociais e Humanidades, na que en total éramos cinco candidatos, sendo a miña proposta a única de dereito”, comenta. Unha vez rematada a experiencia apunta que foi “moi boa” polo bo ambiente existente na defensa dos traballos, porque cada egresado e egresada tivo a oportunidade de aprender cousas das investigacións dos demais e por compartir inquedanzas sobre o seu futuro profesional e investigador.
Na mesa área de coñecemento presentou o seu traballo fin de grao en Economía sobre Efectos macroeconómicos dun imposto progresivo sobre o gasto persoal Sergio Alejandro Feijóo, que tivo como titor ao docente da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo Jaime Alonso Carrera. No seu traballo, explica o egresado, “utilizamos un modelo neoclásico de crecemento, en particular un modelo de axente representativo con horizonte temporal infinito, para avaliar os efectos macroeconómicos que provocaría unha reforma fiscal que substituíse o actual imposto sobre a renda, eixe da imposición directa, por un imposto progresivo sobre o gasto persoal”. Para facelo, comenta, “propuxemos o noso modelo e calibrámolo de tal forma que replique algúns feitos relevantes da economía de Estados Unidos. Unha vez concluímos o proceso de calibración, dadas as características do noso modelo, procedemos a simulalo numericamente para obter a senda de equilibrio. A continuación, introducimos a reforma fiscal de interese para este traballo e avaliamos as consecuencias que esta tería sobre o benestar da sociedade”. Os resultados do traballo, indica o galardoado, “permítennos afirmar que unha reforma fiscal deste tipo incrementa o benestar social, xa que reduce o exceso de gravame do sistema fiscal. Ademais, esta reforma fiscal incentiva o aforro, o que favorece a acumulación de capital e o crecemento económico”.
Máis información no seguinte enlace:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10715&Itemid=59

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.