Ángela Precedo | Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago |
A esquizofrenia é definida pola RAG como unha “enfermidade caracterizada pola alteración das diferentes funcións psíquicas e mentais, a perda da relación do individuo coa realidade, autismo e outras alteracións de tipo afectivo e de comportamento”. Os esquizofrénicos teñen dificultades para diferenciar o real do imaxinario. Porén non resulta doado definir con exactitude o que implica este trastorno, xa que non é unha soa cousa, senón un conxunto de síntomas artificialmente clasificados para o manexo dos doentes dende o punto de vista terapéutico. Unha simple convención. De aí que os profesionais prefiran falar de esquizofrenias e non de esquizofrenia en si.
O diagnóstico non é doado. Soe manifestarse na idade xuvenil, mais ao abranguer gran cantidade de síntomas diferentes, o seu diagnóstico pode dilatarse no tempo. É importante que se realice de maneira precoz, para garantir un mellor seguimento, manténdoo controlado e correctamente tratado. Os fármacos máis usados son os antipsicóticos, que axudan na maioría dos casos a evitar o que se denominan “recibidas”, coloquialmente, novos brotes.Os seus síntomas clasifícanse en dous grupos: positivos e negativos. Nos síntomas positivos inclúense os delirios (pensamentos estraños), alucinacións (sons ou visións que non existen) e alteracións da percepción (relacionadas co medo). Por outra parte, nos negativos inclúense o aplanamento afectivo (illamento), falta de motivación (dificultades para emprender proxectos), falta de interese (nedonia) e discurso limitado. Todos estes síntomas non se dan dunha forma pura, senón asociados a outros problemas psicolóxicos, como os TOC (trastorno obsesivo compulsivo).
A vida media dos esquizofrénicos é moi inferior á do resto da poboación. Isto probablemente sexa debido ao uso de fortes fármacos no seu tratamento, con efectos secundarios. Todos os doentes chegan a desenvolver outras enfermidades sobre a orixinal, como o párkinson. Ademais, soen ser dependentes do tabaco e o café. A forma máis común de falecemento é a morte súbita de orixe cardíaco. O que está pendente de descubrimento nos actuais proxectos é se son os antipsicóticos os culpables ou outras causas.
O laboratorio de Ángel Carracedo colabora co proxecto europeo EUGEI
O grupo de investigación da USC encabezado polo experto en xenética e catedrático en Medicina, o doutor Ángel Carracedo, procura atopar e entender as causas do trastorno para poder desenvolver medicamentos acertados. O seu principal obxectivo é adecuar o tratamento a cada caso concreto, procurando reducir os efectos secundarios que poden derivarse da súa administración.
A realización de numerosos estudos de variabilidade, demostrou que a compoñente herdable na enfermidade é do 82%, aínda que o ambiente pode agravar a súa manifestación. Con todo, o doutor Carracedo asegura que aínda están comezando a atopar realmente cales son as causas da enfermidade, é moi pouco o que saben con certeza. A xenética inflúe e o ambiente tamén, pero o importante é identificar a cuantía en que cada un repercute, tratando de entender a interacción xene -ambiente. Nesta liña, o seu laboratorio colabora a nivel europeo co proxecto EUGEI. A día de hoxe, do 82% da compoñente xenética identificada, tan só se chegou a comprender o 5% debido aos escasos antecedentes de investigación tradicional en enfermidades psiquiátricas e psicolóxicas.
A investigación continúa grazas a consorcios con centos de profesionais implicados. Aínda así, é un trastorno complexo, xa que non é só unha enfermidade, senón moitas. Os estudios máis recentes levados a cabo coa colaboración de 20.000 esquizofrénicos e 30.000 non esquizofrénicos, nos que se analizaron centos de miles de marcadores xenéticos, demostran que existen entre 15 e 20 estreitamente relacionados coa esquizofrenia.

O máis importante descuberto ata o momento é o seu carácter de enfermidade biolóxica. Cambiou por completo o paradigma das correntes psiquiátricas antigas, que a asociaban con cuestións máis emocionais e sociais, contribuíndo ao seu estigma. Agora sábese que ten maior compoñente xenético que calquer cancro, a pesar de afectar ás emocións e relación interpersoais. O traballo recollido na revista Nature, que trataba sobre a inmunidade como compoñente principal do trastorno, xa se convertiu nun traballo de investigación máis citado de entre os centos de proxectos que liderou. Curiosamente, a esquizofrenia non ten que ver con xenes neuronais, senón cos implicados nos procesos de inmunidade, como os que condicionan a artrite. De feito, os xenes que favorecen a aparición da artrite son os contrarios ás variantes que favorecen á esquizofrenia.
Malia a crenza de que é unha enfermidade pouco usual, constitúe un trastorno que afecta ao 1% da poboación. O erro débese á pouca información existente sobre as enfermidades psiquiátricas, por atoparse gravemente estigmatizadas. Na sociedade actual, provoca medo entre a poboación. A concepción da esquizofrenia como algo negativo foi evolucionando ao longo da historia, ata o punto de chegar a considerarse unha enfermidade. E unha enfermidade non é máis que aquel estado que implica o sufrimento do afectado e da súa contorna. A esquizofrenia non é máis que unha parte da nosa variabilidade.
Un artigo na revista Nature relaciona xenes de esquizofrenia e inmunidade
A estigma chega a tal punto que non se realizaron estudios epistemolóxicos que recollan o número de esquizofrénicos. Dende EUGEI estase realizando o primeiro destes estudos a nivel local. Un paso máis no lento proceso de investigación. Hai que avanzar cara a un futuro no que a esquizofrenia se vexa como unha enfermidade máis, con un tratamento e unha vida normal dos doentes. Os doentes máis graves atópanse xa ingresados en institucións psiquiátricas, polo que non hai nada que temer. Neste sentido, é importante informar correctamente á poboación e combater os prexuízos coa educación. Precisamos unha sociedade máis tolerante.
Tratar as enfermidades psiquiátricas como algo pouco habitual faise cada vez máis difícil. Estanse a receitar antipsicóticos e antidepresivos a medio mundo. E, pese a todo, ninguén investiga. O problema semella non existir. Sen presión social, non hai presión económica, nin política. De aí a grande importancia que ten o traballo realizado polo doutor Ángel Carracedo e o seu equipo.