Como reaccionan os cultivos vexetais ás pragas? Cal é a vida escondida das ameixas? A ciencia tamén forma parte da nosa cociña? As preguntas son moitas máis. Esta é, tan só, unha escolma. E é que a ciencia volverá ser protagonista indiscutible esta fin de semana en Pontevedra, a cidade que acolle, un ano máis, a IX Feira da Miniciencia ‘Pontenciencia’. O evento de divulgación científica, que arranca hoxe na Escola de Enxeñaría Forestal, celebrará entre hoxe e mañá, sábado 28, numerosas actividades, exposicións e obradoiros. Na modalidade de “Ciencia no cole” participan dez centros de Primaria, na de “Xoves Investigadores serán nove institutos, e doce familias na de “Ciencia en familia”.
Venres, 27 de maio
Pontenciencia arrancou hoxe pola mañá coa modalidade “Ciencia no Cole”. Defendéronse 18 investigacións experimentais e documentais de alumnos de 5º e 6º de Primaria de dez centros de Pontevedra. Entre as actividades celebradas houbo un obradoiro de reaccións químicas, un teatro de mulleres científicas, un laboratorio musical electrónico, un taller de xoguetería óptica e outro sobre o debuxo na ciencia, entre outras tantas actividades e a presentación dos proxectos.
O festival de divulgación continúa hoxe, venres 27, pola tarde. Entre as 16,30 e as 19,30 horas exporanse ao xurado, aos outros participantes e ao público asistente —a feita está aberta á cidadanía e ten entrada libre— os proxectos presentados aos Premios de Investigación 2022 “Homenaxe á muller investigadora” (cinco galardóns patrocinados por Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa). Son nove os centros de Secundaria que concorren a este certame.
Sábado, 28 de maio
Finalmente, o broche de ouro de Pontenciencia chegará mañá, sábado 28. Celebrarase a modalidade “Ciencia en familia”, na que participan 12 familias, todas elas con alumnado de Primaria entre os 7 e os 12 anos. Durante o evento, que se celebrará entre as 10 e as 14,30 horas tamén se fará entrega dos diplomas e dos galardóns e, finalmente, clausurarase o evento.
Pontenciencia, organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), naceu cos obxectivos de achegar a ciencia e a innovación desde o máis próximo e o cotián, promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos, espertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal/colectivo, estimular a participación cidadá en procesos científicos e visibilizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral.
Entre as accións previas á feira impartíronse uns Obradoiros de Formación no Método Científico para os escolares de 5º e 6º de Primaria e para as familias que participan cos seus fillos, e en paralelo, e constituíronse comités científicos formados por mestres/as e investigadores das facultades do Campus Universitario de Pontevedra, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que achegaron propostas de investigación a disposición dos participantes.