O podcast de GCiencia ‘O ano da pandemia’ gaña o Premio Somos Esenciais do Colexio de Xornalistas

O xurado galardoa por unanimidade o traballo dirixido por Manuel Rey, por abordar a pandemia "nun formato cada vez máis en valor" e pola súa visión ampla da crise sanitaria

O xornalista Manuel Rey, galardoado co Premio Somos Esenciais.
O xornalista Manuel Rey, galardoado co Premio Somos Esenciais.

O xornalista Manuel Rey é o gañador do Premio Somos Esenciais, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), co podcast O ano da pandemia, publicado en GCiencia. O xurado do galardón decidiu por unanimidade concederlle o recoñecemento ao autor da peza, publicada o 13 de marzo de 2021. Os expertos valoraron a importancia deste traballo por “abordar a pandemia nun formato que está cada vez máis en valor nos medios de comunicación e pola súa visión ampla da pandemia, que nos deixa un recurso atemporal do vivido nalgúns dos peores meses” da crise sanitaria por coronavirus.

En febreiro de 2018, a Organización Mundial da Saúde advertiu dunha pandemia que aínda non existía. Así comeza o podcast galardoado, que se estreou para conmemorar o primeiro aniversario da pandemia. Nel participaron investigadores que seguiron de primeira man a crise sanitaria. A peza, escrita e producida por Manuel Rey, contou coa participación de Juan Gestal, María José Pereira, José Gómez Rial, África González, José Antonio Taboada, Mariano Esteban, José Martínez Costas, Sonia Villapol e Santiago Lago Peñas. Ademais, o podcast está dipoñible en Ivoox e Spotify:

Publicidade

O xurado do premio estivo integrado por Isabel Bravo Francos, Antía González Paredes, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Lucía Rodríguez Peña, Ana Isabel Rodríguez Vázquez e Cristina de la Vega Jiménez. Todos eles quixeron salientar a “alta calidade” dos dezanove traballos presentados ao premio, que “son un exemplo magnífico do labor realizado polos xornalistas durante esta longa época de pandemia, o que reforza o seu papel de colectivo esencial”. A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data próxima aínda por concretar, da que se dará información a través das canles habituais.

O xurado decidiu tamén conceder nesta segunda edición do premio unha mención especial como finalista a Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa, unha reportaxe de Elena Martín, Pablo Santiago, Sofía Caamaño Deus e Ruben Martins para o dixital Xarda e o xornal portugués Público.

O Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, naceu en 2021 para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia, e recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público. Na súa primeira edición, resultou gañadora a xornalista Isabel Bravo co traballo Cando as preguntas aínda non tiñan resposta, emitida na Radio Coruña -Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe La uci del covid, desde dentro: “No somos héroes”, publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.