Ourense estuda nun simposio o impacto para Galicia da chegada ao poder dos Borbóns

Reunir a investigadores e investigadoras que, procedendo de distintas disciplinas, teñen entre as súas liñas de traballo o estudo do poder, das institucións e das elites da monarquía ibérica durante o Antigo Réxime, sobre todo no ámbito galego e no período borbónico, no tránsito do século XVII ao XVIII e principalmente no século XVIII. Con este obxectivo preséntase o seminario científico Galicia e a instauración da monarquía borbónica. Poder e dinámica política, que se celebrará no campus de Ourense os días 21 e 22 de xaneiro.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades programadas no proxecto de I+D subvencionado polo Ministerio de Economía e Competitividade ‘Galicia e a instauración dos Borbóns’, levado a cabo polo equipo de investigación en Historia Moderna da Universidade de Vigo. O principal obxectivo deste proxecto, salienta a súa directora, María López, é fomentar a análise comparada e o debate arredor de como afectou, nos diferentes aspectos, a Galicia a chegada e a instauración da monarquía borbónica, ademais de difundir os resultados das investigacións efectuadas nese eido nas diferentes universidades. Con el, apunta, dáse continuidade a unha liña de investigación na que o seu equipo vén traballando desde fai varios anos e que se ten materializado en diversos proxectos.

Expertos das tres universidades galegas analizarán a chegada ao trono de Felipe V

Estruturado en tres sesións, o seminario, realizado coa colaboración da Facultade de Historia, conta cunha primeira parte na que se abordará o trinomio espazo, poder e institucións desde distintos puntos de vista e con diferentes enfoques, atendendo á diversidade institucional e instancias de poder existentes no reino de Galicia. A segunda parte versará sobre o poder e a dinámica política na vertente militar e eclesiástica e a terceira sobre os gobernos urbanos e os seus actores, as elites e oligarquías dirixentes, a través da análise de diversos estudos de caso e aspectos da xestión municipal, entre elas a de Ourense. Sendo o seu enfoque interdisciplinar unha das principais novidades deste seminario, a cita contará con expertos e expertas das tres universidades galegas, das áreas de historia, historia do dereito, historia política, ciencias políticas e socioloxía. Por parte da Universidade de Vigo alén de María López, presidenta do comité organizador do seminario, estarán María Seijas, José M. González, Laura Rodicio e Antonio Presedo. Da Universidade da Coruña participarán José M. Cardesín, Eduardo Cebreiros e José Manuel Vázquez, e da Universidade de Santiago de Compostela Manuel M. de Artaza e Mª del Carmen Saavedra. Nas súas intervencións afondarán en cuestións como os correxidores entre 1700 e 1759, o conflito foral na Galicia de Felipe V, a organización militar trala paz de Utrecht ou a política naval do monarca no territorio galego.

Aínda que se trata dun seminario científico, a súa responsable salienta que está aberto á asistencia dos membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral interesados nesta materia. As persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse de balde poden facelo nos despachos 0.8 e 0.12 do Pavillón 2 do campus de Ourense ou no enderezo electrónicolrodicio@uvigo.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.