Ourense lanza un concurso escolar para visibilizar á muller en ciencia

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Co obxectivo de aproveitar esta conmemoración para contribuír a visibilizar e potenciar o papel da muller na I+D+i, o pasado ano a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática uníronse para pór en marcha un concurso escolar con esta temática. A segunda edición deste certame xa está en marcha e as entidades promotoras animan aos centros e ao alumnado de Primaria e Secundaria da provincia a unirse a esta iniciativa.

Os obxectivos do II Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia.

Publicidade

Trátase, apuntan desde a organización, de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e a visión que delas ten a sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia e a enxeñaría.

Segundo explica Nieves Lorenzo, profesora da Universidade de Vigo promotora do certame, a idea naceu polo compromiso compartido polas persoas e centros participantes de traballar para rachar a tendencia de descenso da presenza das mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas, sobre todo nas enxeñarías. “Queremos animar ás futuras xeracións de universitarios e universitarias a mudar esta situación, por iso escollemos facer un concurso escolar”, salienta a investigadora.

Publicidade

O certame está dirixido a alumnos de ESO e Primaria da provincia de Ourense

Neste concurso de debuxo e redacción poderá participar o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo da provincia de Ourense. O certame conta con dúas categorías e dúas modalidades.

A primeira categoría é a de Educación Primaria e a segunda a de Educación Secundaria Obrigatoria. A primeira modalidade é a de debuxo, podendo os escolares presentar traballos en A4 de técnica libre con calquera material, como lapis de cores, rotuladores, recortes para collage….

A segunda modalidade é a de redacción, que pode ser en galego ou castelán e ter unha extensión máxima de dous folios. No caso do debuxo valorarase a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do concurso e no caso da redacción o estilo, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática.

O tema común dos traballos será a visión do alumnado sobre o papel das mulleres na ciencia. Neles, indican desde a organización, os escolares poden abordar aspectos tales como descubrimentos das científicas pioneiras; debuxar unha científica; explicar como teñen contribuído as mulleres no desenvolvemento da ciencia e a enxeñaría ou contar algunha anécdota ou historia da súa contorna persoal relacionada coa temática do certame. Haberá tres premios por categoría e modalidade, sendo o primeiro premio unha tableta, un libro, un usb e un diploma e o segundo e terceiro un libro, un usb e un diploma.

Cada estudante poderá participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo. O centro escolar realizará una preselección dos traballos presentando como máximo seis traballos de Primaria e seis de Secundaria. A data límite para presentarse é o 15 de xaneiro ás 14.30 h. O nome das premiadas e premiados farase público e a entrega de galardóns será o día 7 de febreiro do 2018, nun evento especial que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense. Ese día exporanse todos os debuxos e entregarase diploma acreditativo a cada participante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día