O grupo Remoss estuda un protocolo de reanimación cardíaca en barcos pesqueiros

En caso de parada cardíaca, por cada minuto que se retrasa o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP), “pérdense entre un 10% e un 12% de posibilidades de supervivencia”, salienta o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigador principal do grupo Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), Roberto Barcala. De aí a importancia de, en caso de accidente, iniciar canto antes estas manobras, mesmo a bordo dunha embarcación de pesca de baixura, onde, se as condicións do mar son favorables, “pódese realizar unha reanimación de calidade”, como ven de constatar este grupo nun estudo realizado cunha vintena de pescadores de Rianxo, no marco dos traballos que o alumno de doutoramento Ramón Fungueiriño está a realizar para a súa tese.

remoss 2

O profesor da Escola de Enfermaría Felipe Fernández, a investigadora María Fernández, o profesor da USC Rubén Navarro e a cardióloga do CHUS de Santiago Violeta González, participaron xunto con Barcala e Fungueiriño na realización dunha proba con 22 pescadores da confraría de Rianxo, que realizaron a manobra de reanimación con manequíns, primeiro en terra e posteriormente a bordo dunha planadora, ás velocidades de 10 e 20 nós. “Nos resultados preliminares o que podemos observar é que os pescadores son capaces de intervir ben, con calidade, mesmo a unha velocidade de 20 nós”, apunta Barcala dun estudo que, en primeiro termo, buscaba constatar se a formación en primeiros auxilios que reciben os profesionais do mar “é adecuada ás súas necesidades, xa que é un curso que realizan en terra, pero eles, se nalgún momento teñen que aplicar a RCP, vai a ser a bordo”.

Publicidade

Neste punto, o estudo realizado constata, como explica o investigador e bateeiro Fungueiriño, que con boas condicións no mar “pódese facer unha RCP de calidade a 20 nós”, xa que, aínda que si constataron que a velocidade inflúe na calidade das manobras, “trátase dun empeoramento menor, pese a ser unha velocidade xa importante”, como apunta Barcala, que incide en que a principal conclusión deste estudo, e que, nunha situación de mar calmo como a que se poden dar no interior dunha ría, “non debe demorarse a intervención”.

Esta proba dá continuidade a unha liña de traballo aberta xa cunha primeira proba realizada tamén con preto de 20 pescadores de Rianxo e que deu pé a unha publicación no American Journal of Emergency. “Nese estudo previo o que fixemos foi a analizar a influencia do vento durante a reanimación”, sinala Barcala dun test no que as medicións foron realizadas tanto con vento de popa como de cara, sendo o primeiro o que “menos interfire na calidade da reanimación”.

Publicidade

Nunha proba realizada na contorna da ría de Arousa, nunha xornada “na que non había moito mar de fondo”, como apunta Fungueiriño, os investigadores atopáronse con que, a principal diferencia entre as RCP realizadas co vento a favor e en contra non derivaba tanto “da inestabilidade da embarcación, que pensabamos que sería o principal problema”, senón do propio ritmo das manobras realizadas. “Cando navegabamos contra o vento, a calidade víase empeorada porque os mariñeiros aumentaban o número de compresións, un dato que non esperabamos e que nos animou a seguir investigando”, sinala.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores

Tecnoloxía galega e vasca moderniza a pesca costeira do bonito

Un grupo da UVigo e do centro tecnolóxico Leartiker desenvolve solucións para reducir o esforzo dos pescadores e mellorar a eficiencia do proceso

O palangre de pedra-bóla: a técnica ‘galega’ que reclama unha excepción ante Bruxelas

A pesca de fondo que se usa habitualmente coa pescada ten un baixo impacto nos fondos mariños, segundo un informe do Instituto Español de Oceanografía