“Estanse perdendo moitos talentos de mulleres polo camiño”

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

“Están lanzando mensaxes de que hai que rematar coa fenda de xénero, que hai que animar ás nenas para que queiran ser científicas, que hai un problema demográfico enorme, etc. Pero ao mesmo tempo, impiden na práctica que poidamos ser nais e ter unha carreira digna. E xa está ben; hai que ir coa verdade por diante, e pasar das palabras aos feitos”.

María de la Fuente Freire (As Pontes, 1978), perdeu hai uns meses o vagón de primeira clase dos contratos Miguel Servet, que recoñecen a un selecto grupo de científicos que investigan dentro do Sistema Nacional de Saúde. Con todo, conseguiu renovar o seu contrato, pero non na categoría máis alta, á que nin sequera puido optar dada a situación de desventaxe da que partía. Esta perda de competitividade será xa unha marca durante toda a súa carreira, e poderá ter repercusións maiores á hora de consolidarse e poder optar aos mellores proxectos de investigación na loita contra o cancro. Dirixe a Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, no que día a día se traballa para vencer ao cancro e ás metástases facendo uso da nanotecnoloxía.

Publicidade

“Seguen sen incluír supostos de interrupción por embarazo, coidado de dependentes ou enfermidade grave”

Os 13 meses de baixa por maternidade debido aos dous fillos que tivo van ser unha rémora que ficará para sempre na súa traxectoria. Cando ía presentar a xustificación do traballo realizado por ela e polo seu equipo durante os cinco anos do contrato, atopouse cun muro. “Vin que non había xeito de alegar que estivera de baixa por maternidade para que me ampliaran o prazo de avaliación”. Deste xeito, tiña un ano menos que en condicións normais para optar á renovación dun contrato que, xa de por si, é dun gran nivel.

“Ao estar máis dun ano de baixa en total, propúxenlle ao Instituto de Salud Carlos III, que realiza a convocatoria, ter a posibilidade de avaliarme un ano despois”, lembra María de la Fuente. E de novo, a negativa, polo que decidiu presentar recurso. E desestimáronllo. Algo contraditorio, xa que si puido prorrogar o seu contrato 13 meses para compensar a baixa, pero sen posibilidade de empregar ese tempo para acudir á avaliación da excelencia en igualdade de condicións.

Publicidade

“Xustificáronse dicindo que houbo 14 mulleres que optaron á convocatoria, que 7 fomos nais, e que 3 delas si acadaron o contrato de maior excelencia. Pero é que están mesturando unhas cousas con outras. Seguro que, coma o resto das científicas que foron nais, estiveron sometidas a situacións de estrés, facendo traballo durante as baixas, como en maior ou menor medida facemos case todas, e iso non pode ser“.

O laboratorio que dirixe María de la Fuente non poderá optar aos mellores contratos debido ás eivas do concurso

Agora só queda recorrer a vía xudicial. Un procedemento que se pode prolongar no tempo. E ademais, está mantendo un litixio co mesmo organismo que financia a súa carreira. “Espero que vaia por partes distintas, e que non haxa problemas a maiores”, confía. Ao mesmo tempo, iniciou unha petición en change.org para reclamar que se termine coa discriminación por maternidade nas convocatorias de investigación.

O caso de María xa foi, pero ela quere seguir alzando a voz para evitar que se sigan producindo casos semellantes. E por agora, non hai solucións. “Lánzanse moitas mensaxes e dise que se está traballando contra a fenda de xénero, e resulta que na convocatoria deste ano seguen sen incluír supostos de interrupción por embarazo, coidado de dependentes ou enfermidade grave. Segue sendo un proceso desigual, non se aprendeu nada”.

Antes de final deste ano, María de la Fuente asinará o Miguel Servet II. Pero será dunha categoría menor á que podería aspirar en condicións ‘normais’. “Estanse perdendo moitos talentos polo camiño, que poderían aportar moito á sociedade. Todos coñecemos casos de mulleres que teñen que renunciar se queren formar unha familia. E estamos perdendo todos. Nós, os pais, os fillos, a sociedade. Hai que ser coherentes, porque non pode ser que se intenten espertar vocacións científicas nas nenas e que despois teñan que afrontar estas situacións de desvantaxe”.

Tamén podes ler:

ciencia/carreiras-nais-cientificas/

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

A investigadora Ana Crujeiras coordina un congreso para abordar os novos avances e desafíos no tratamento da adipose

Un ensaio probará a vacina antigripal de alta carga en galegos de 65 a 79 anos

A segunda fase do estudo clínico GalFlu está dirixido a 70.000 persoas e nel participan a Consellería de Sanidade e o IDIS

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía