Lugo acolle unha mostra sobre científicas destacadas no estudio da luz

A exposición ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’, inaugurada este martes na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de decembro, contribúe a dar visibilidade a mulleres científicas que ao longo da historia destacaron e contribuíron ao desenvolvemento deste campo científico.

Carme Silva, Ana Jesús López e Eva Aguayo, na apertura da mostra na Biblioteca Intercentros.
Carme Silva, Ana Jesús López e Eva Aguayo, na apertura da mostra na Biblioteca Intercentros.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, e a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da UDC e unha das promotoras desta mostra, Ana Jesús López Díaz, salientaron no acto de apertura que un dos obxectivos desta mostra, que chega a Lugo da man da Oficina de Igualdade de Xénero e da Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, pasa por rachar cos estereotipos masculinizados que aínda persisten no ámbito da investigación.
A mostra ‘Investigadoras na Luz e nas tecnoloxías da luz’, cuxo título coincide co da declaración do ano 2015 como o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz, pretende tamén, ademais de facer visibles e dar relevancia a mulleres destacadas neste eido da ciencia, favorecer a promoción e empoderamento da muller na ciencia, ademais de servir de impulso e acicate para fomentar novas vocacións científicas entre o estudantado feminino, maioritario na USC.
Con estas motivacións, ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’ é o froito do traballo realizado por un grupo de persoas pertencentes ao Grupo de Mulleres en Física da Real Sociedade Española de Física (RSEF) e á Sociedade Española de Óptica (SEDOPTICA), un equipo de traballo que se ocupou da organización desta exposición e tamén da escolma das mulleres nela recoñecidas.

A mostra recolle os fitos das grandes investigadores nas tecnoloxías da luz

Daquela, aínda que non están todas, ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’, pon o foco en máis dunha ducia de destacadas científicas, tales como Madame de Châlet, quen traduciu ao francés os ‘Principia Mathematica’ de Newton; Martha Coston, pioneira no deseño e na fabricación dun sistema de comunicación baseado en bengalas luminosas para a navegación, ou Henrietta Swan Leavitt, que descubriu o camiño para coñecer o tamaño da nosa galaxia e a escala do universo.
Hedwig Kohn, que realizou un minucioso traballo en espectrometría e pirometría, hoxe considerados estándares de iluminación; Katherine Burr Blodgett, que inventou os cristais antirreflexantes; Yvette Cauchois, que creou un espectrógrafo de raios X que permitiu descubrir novos elementos do sistema periódico, e Maria Goppert Mayer, que deu nome á unidade de sección de absorción de dous fotóns, son outras das mulleres presentes nesta mostra.
Esta escolma de investigadoras que traballaron ciencias da luz, a óptica e as tecnoloxías baseadas na luz, inclúe tamén nomes como Marie Luise Spaeth, inventora do láser sintonizable de colorante e creadora dos telémetros láser; Rosalind Franklin, que obtivo a famosa Fotografía 51, que probou experimentalmente a estrutura helicoidal do ADN mediante difracción de raios X; Martha Jane Bergin Thomas, que mellorou as fontes de iluminación, sobre todo lámpadas e tubos fluorescentes; Jean McPherson Bennet, pola súa achega de ideas orixinais e de referencia no estudo das superficies ópticas, ou Jocelyn Bell Burnell, que descubriu os “faros” do universo, os púlsares.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

A lucense que agarda un dobre transplante de páncreas e ril e converteu o hospital nun lenzo da súa vida

Monse Fernández publica "Haxa salú!", editado pola Fundación Renal Española, no que relata longas estancias médicas e anécdotas do día a día