José Edelstein, premiado pola Gravity Research Foundation

O físico da USC participou nun traballo que identifica un mecanismo que explicaría a rápida expansión do Universo no período chamado inflación

A Gravity Research Foundation acaba de outorgar unha das súas mencións honoríficas ao investigador José Edelstein, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e profesor de física teórica da Universidade de Santiago (USC). É a segunda vez que a institución estadounidense recoñece o traballo deste físico, premiado en 2015 con outra mención honorífica. O palmarés histórico inclúe figuras como Stephen Hawking e Roger Penrose e varios premios Nobel como George Smoot, Gerard’t Hooft ou Frank Wilczek.

O ensaio galardoado, asinado por José Edelstein xunto a Gustavo Arciniega, Pablo Bueno, Pablo Cano, Robie Hennigar e Luisa Jaime, presenta un traballo no que se identifica un mecanismo que explicaría a rápida expansión do Universo no período denominado inflación, onde este expandiuse cencuatrillóns de veces en menos dunha quintillonésima de segundo, pouco despois do Big Bang.

Publicidade

Os autores propoñen que este crecemento acelerado podería deberse á propia natureza xeométrica da gravitación e non a un axente externo denominado inflatón, como prescribe a explicación máis aceptada. O mecanismo de inflación xeométrica que se promove no ensaio titulado “Cosmic inflation without inflaton” mostra que, baixo a hipótese de que a gravitación e a mecánica cuántica foron compatibles naqueles instantes, a expansión exponencial do Universo temperán sería inevitable.

A Gravity Research Foundation foi fundada por Roger W. Babson en 1949 co obxectivo de estimular a investigación sobre a gravidade, as súas aplicacións e efectos, creando un concurso anual de ensaios científicos. Nesta última edición, o primeiro premio recaeu nun traballo de Alessio Belenchia, Robert M. Wald, Flaminia Giacomini, Esteban Castro-Ruiz, Caslav Brukner e Markus Aspelmeyer.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE