Martes 3 Decembro 2024

O científico Adrián Regos, galardoado pola súa traxectoria en ecoloxía do lume

Recibe o premio na categoría Carreira Temperá na décima edición do Congreso Internacional de Ecoloxía e Xestión do Lume

O investigador galego Adrián Regos vén de ser galardoado pola súa traxectoria científica na décima edición dos International Fire Ecology and Management Congress (Congreso Internacional de Ecoloxía e Xestión do Lume, en galego) celebrado entre o 4 e o 8 de decembro na cidade de Monterrey (California, Estados Unidos). Traballa como investigador posdoutoral no Centro de Ciencias Forestais de Cataluña. A súa investigación céntrase en como a xestión do lume e as políticas de uso do solo poderían conducir a unha mitigación máis eficaz dos incendios forestais, garantindo ao mesmo tempo a conservación da biodiversidade e o uso sostible a longo prazo dos servizos dos ecosistemas no contexto actual do cambio global. Tamén se centra en como mellorar os sistemas de vixilancia de alerta temperá en rexións propensas a incendios para unha toma de decisións máis eficiente e baseada na ciencia.

A Association for Fire Ecology (AFE, polas súas siglas en inglés) é unha organización internacional adicada a mellorar o coñecemento e o uso do lume na xestión do territorio e, nos seus congresos, reúne aos mellores investigadores e expertos de todo o planeta. “Que che recoñeza o traballo xente con esta experiencia sempre é un gusto”, apunta Adrián Regos. Foi galardoado na categoría Early Career (carreira temperá, en galego) onde se recoñecen aos novos investigadores pola súa traxectoria recente, “é un recoñecemento ás investigacións destacadas nos primeiros anos de carreira laboral”, explica Regos.

Publicidade

Adrian Regos na súa estancia en México participando en diferentes presentacións e congresos. Foto: cedida por Adrián Regos
Adrian Regos na súa estancia en México participando en diferentes presentacións e congresos. Foto: cedida por Adrián Regos.

Regos estivo coordinando un proxecto en Portugal sobre incendios forestais, chamado FirESmart. Esta iniciativa está centrada na busca de solucións baseadas na natureza, é dicir, “solucións sostíbeis ao problema dos grandes incendios forestais”, explica o investigador. Este proxecto vén de presentarse recentemente en México, onde Regos estaba realizando unha estadía posdoutoral no contexto do proxecto europeo Fire-ADAPT. Este proxecto serviulle para comprender como as comunidades indíxenas da serra de Juárez xestionan os seus bosques, “sendo un modelo de gobernanza do territorio moi interesante”, reflexiona.

FirESmart contaba cun “equipo potente de investigadores de España e Portugal”, explica, e saíron “conclusións bastante interesantes sobre como crear paisaxes máis resilientes aos incendios“, conclúe. Alí tamén participou nos primeiros TREX organizados en México, que son uns programas de capacitación de queimas prescritas. “Faise en todo o mundo para formar os bombeiros no uso do lume como medida preventativa fronte os grandes incendios”, apunta o investigador.

Publicidade

A ecoloxía do lume

A liña de investigación que segue céntrase na ecoloxía do lume. O lume é un proceso ecolóxico nos ecosistemas mediterráneos, con todo, “dáse o paradoxo de que a día de hoxe considérase un lume como algo moi nocivo que se debe erradicar, independentemente das condicións nas que ocorra”. Con todo, “esa non é a solución ao problema”, explica Regos. En Galicia, por exemplo, a mediados dos anos 50 comezaron os procesos de abandono do campo. “Ao non haber carga gandeira nin actividades agrícolas aumentaron os niveis de combustible na paisaxe e iso sumado ao cambio climático está creando incendios de comportamento extremo”, apunta. Estes incendios si que supoñen un gran problema xa que a súa actividade impredecible pode ter “efectos devastadores, como foi o caso do incendio en Portugal no ano 2017 que deixou moitas víctimas”, recorda.

Dende o punto de vista da ecoloxía do lume este ten que ser parte da solución, porque é un proceso ecolóxico ao que os ecosistemas e moitas especies están adaptados. A solución a estes incendios está en tomar medidas preventivas a escala de paisaxe, ter unha planificación territorial que sexa capaz de crear esas paisaxes resilientes. “Isto require unha visión moi integradora de todos os sectores que están implicados no territorio para poder atopar solucións que se poidan implementar”, sostén.

A raíz desta situación os seus traballos céntranse en crear paisaxes máis resilientes e é neste contexto onde centra os seus plans de futuro. En poucos meses incorporarase á Misión Biolóxica de Galicia (MGB-CSIC) para establecer un laboratorio de investigación dinámico e centrado na ecoloxía da paisaxe e a planificación ambiental sostible para abordar os desafíos ambientais urxentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mantemento dos ecosistemas, piar na conservación da aguia real en Galicia

Investigadores da Facultade de Bioloxía da USC atopan evidencias que vinculan o éxito reprodutivo da especie co intercambio superficie terrestre-atmosfera

Os megaincendios: un desafío “sen precedentes” para a biodiversidade no planeta

O investigador da USC Adrián Regos participa nun artigo que publica "Science", no que se advirte de adaptar as estratexias fronte ao lume

As aves rapaces alertan da perda de biodiversidade na provincia de Ourense

Os cambios nas súas poboacións evidencian, en só 14 anos, un importante retroceso de hábitats prioritarios europeos e a biodiversidade asociada