Sábado 20 Xullo 2024

Unha guía didáctica conmemora a Frei Martín Sarmiento

Presentará dun xeito divulgativo a vida, viaxes e pensamento do escritor a través de textos, ilustracións e actividades

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia (XUGA), presentou esta mañá a guía didáctica “Frei Martín Sarmiento”, iniciativa promovida polo devandito Instituto no marco da conmemoración, en 2022, dos 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento, padroeiro do IEGPS. A obra, dunhas 60 páxinas, está editada por Editorial CSIC e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O acto de presentación contou coas intervencións do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; Jeniffer Fernández González en representación dos autores (ela mesma, Miguel García Fernández e María Rivo Vázquez, persoal técnico de investigación do IEGPS), da ilustradora, Patricia Díaz Soto, e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Publicidade

Trátase da primeira guía didáctica que se elabora desde o IEGPS e é unha mostra máis do decidido compromiso deste centro coa divulgación científica. Está escrita integramente en galego e o seu obxectivo é achegar, dun xeito divulgativo, a vida, viaxes, escritos e pensamento do Padre Sarmiento sobre temas tan diversos como as ciencias naturais, o patrimonio documental e histórico-artístico, a lingua galega ou a condición das mulleres. Todo iso a través de textos, ilustracións e actividades que se acompañan dun xogo de cartas sobre o patrimonio monumental que puido ver Frei Martín Sarmiento nas súas viaxes a Galicia.

Consta duns 15 bloques teóricos, coas súas correspondentes actividades didácticas. Ademais, incorpóranse varios “Sabías que…?” que permiten ampliar os contidos con curiosidades, explicacións a termos técnicos, citas literarias e exercicios. Así mesmo, propónselles aos lectores descifrar unha mensaxe secreta escondida ao longo das páxinas da guía.

Publicidade

Publicouse en versión impresa, cunha tirada non venal de 500 exemplares, e tamén se pode descargar gratuitamente na páxina web do IEGPS e na de Editorial CSIC. O mesmo equipo está a traballar nunha nova guía sobre o Seminario de Estudos Galegos no marco das conmemoracións polo centenario da súa fundación. A súa publicación estímase para 2024, tamén baixo o selo de Editorial CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Dúas obras conmemoran o oitavo centenario de Afonso X e o seu vínculo con Galicia

O Consello da Cultura e o Centro Ramón Piñeiro publican sendas monografías sobre "O Sabio", que naceu o 23 de novembro de 1221

O CSIC inicia en Galicia sete proxectos de excelencia

A Misión Biolóxica de Galicia, o Instituto Padre Sarmiento, o IIM e o Incipit desenvolverán nos vindeiros anos iniciativas financiadas con preto de 700.000 euros

Margery Kempe, a peregrina “revolucionaria” que visitou a Compostela de 1417

O CSIC conmemora o sexto centenario da chegada da mística británica a Santiago, cuxo libro se considera a primeira autobiografía da literatura inglesa