Martes 27 Febreiro 2024

Investigadores galegos gañan o Nobel satírico por un estudo sobre o sexo das anchoas

A investigación liderada por Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, recibe o IG Nobel por “facer rir e despois pensar”

Un equipo de científicos galegos foi recoñecido esta madrugada co premio IG Nobel de Física nunha cerimonia en liña dende Estados Unidos. A súa investigación sobre as turbulencias mariñas creadas polos peixes, especialmente durante a súa desova, acaparou titulares nos medios anglosaxóns pola relación que xerou o descubrimento co humor.

O premio IG Nobel é unha parodia do Nobel e entrégase cada ano a aquelas investigacións das que se pode derivar unha mirada satírica. Este galardón foi fundado polo matemático estadounidense e columnista de The Guardian Mark Abrahams, para recoñecer os descubrimentos científicos que “primeiro che fan rir e logo pensar”. As categorías premiadas coinciden coas cinco que entrega o Premio Nobel: física, química, medicina, literatura e paz. As cinco restantes non son fixas, mais adoitan cubrir temáticas como saúde pública, enxeñería, bioloxía ou investigacións interdisciplinarias.

Os IG Nobel son premios satíricos pero non carecen de rigor científico

Nesta 33ª edición, seleccionouse o estudo Intense upper ocean mixing due to large aggregations of spawning fish, publicado o pasado abril na revista Nature Geoscience, que trata sobre a contribución dos peixes á mestura das augas oceánicas nas rexións costeiras. A investigación levouse a cabo dentro do proxecto Remedios, liderado pola científica Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, e que vixiou durante 15 días polas augas da enseada de Bueu. Nela participou persoal do do Instituto Español de Oceanografía de Vigo e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) da mesma cidade.

Turbulencias na auga

A investigación arrancou cando o equipo científico observou como cada noite se producía unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano. Axudándose de información acústica da ecosonda e as mostras recollidas con redes, puideron atribuír esta turbulencia á presenza de cardumes que se concentraban pola noite na zona. De feito, as redes estaban cheas de ovos de bocarte ou anchoa europea, o que evidenciaba que o sinal correspondía a agregacións de desova deste peixe que, co seu comportamento frenético, xera a bioturbulencia.

Este descubrimento foi o que chamou a atención de medios ingleses e estadounidenses coma o Daily Mail, Metro e a emisora NPR, que recollían titulares como A Terra móvese cando os peixes teñen sexo, O sexo das anchoas pode mover océanos ou O sexo move o mundo. Esta viralidade fixo que o estudo chegara ata os organizadores do IG Nobel, acompañado tamén do vídeo divulgativo en inglés que realizaron os investigadores galegos.

O estudo chamou a atención de medios internacionais como o Daily Mail e o Metro

“Non é moi común que a xente estude se algún organismo inflúe no medio”, recoñece Miguel Gil Coto, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC e un dos premiados. Aínda que este premio non ten contrapartida económica, os investigadores galegos recibírono con moita alegría especialmente polo recoñecemento e a difusión que implica. “Un dos condecorados da pasada edición chamou a Bieito Fernández, autor do artigo, para comunicarllo e preguntarlle se queriamos aceptalo, e claro que aceptamos”.

A investigadora principal do proxecto destacou que o galardón se debe a que o estudo “xera un interese máis aló da comunidade científica especializada”. “Esta é unha oportunidade marabillosa para difundilo máis e para que teña máis alcance”. A científica recoñece que, aínda nos seus inicios estes premios eran controvertidos, foron evolucionando. “Hoxe en día teñen un gran recoñecemento como unha ferramenta de comunicación científica e, de feito, o ano pasado recibiron un premio dunha institución austríaca polo seu labor a prol da comunicación científica. Contan co apoio de institucións como Harvard, o MIT ou o Imperial College e son entregados por premios Nobel. De feito, algún dos investigadores distinguidos co IG Nobel, anos máis tarde acabaron gañando o Nobel na súa disciplina”, destaca Beatriz Mouriño. 

Os científicos galegos, que desenvolven as súas investigacións en distintos puntos do globo, quixeron recoñecer de xeito específico a Galicia como un dos países aos que atribuír o mérito, nun vídeo que gravaron o pasado xullo e que se divulgou esta noite na gala en liña. “Todo está preparado dende hai tempo”, explicou Gil. “Enviáronnos as cousas por correo electrónico e tivemos que imprimilas e gravarnos recibíndoo”. Esas cousas foron unha caixa de Ig Coca Cola e dez trillóns de dólares, obsequios á altura do carácter da condecoración.

Entrega do premio

Haberá unha entrega presencial do IG Nobel en dúas edicións. A primeira será o próximo 11 de novembro no MIT de Massachusetts, Estados Unidos, á que só acudirán Bieito Fernández e Miguel Gil. A segunda, máis próxima ás residencias habituais do grupo de investigadores, terá lugar no Imperial College de Londres o 18 de novembro, polo que esperan acudir todos os autores.

En novembro, tanto en Estados Unidos como en Londres, celebraranse dúas galas presenciais

Aínda que estes premios sexan satíricos, non carecen de rigor científico, pois algúns membros do xurado e galardoados de anos precedentes ostentan tamén o Nobel orixinal. En edicións anteriores, o IG Nobel recoñeceu descubrimentos tan curiosos coma a excitación que senten as avestruces ante a presenza de seres humanos, os motivos polos que se xeran residuos no embigo ou un estudo sobre a “regra dos cinco segundos”, a idea de que os alimentos que caen ao chan non son contaminados até pasado ese tempo.

O IG Nobel, en definitiva, busca recoñecer o “o pouco habitual, o imaxinativo e o que estimula o interese pola ciencia”. Algo no que os nosos investigadores galegos encaixaron á perfección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

As gaivotas trasladan centos de quilos de plástico dos vertedoiros ás reservas naturais

Un equipo internacional liderado pola Estación Biolóxica de Doñana do CSIC desenvolveu un modelo de deposición de residuos baseado na dieta e o movemento destas aves

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno