A Xunta de Galicia amplía a obrigatoriedade do uso de máscara

Os focos de Covid-19 en localidades como Betanzos ou Vilalba, centro de atención do Sergas tras o control do brote da Mariña

O uso de máscara para previr as infeccións do SARS-COV-2, causante da Covid-19, será obrigatorio en practicamente todas as situacións en Galicia. Así o anunciou no mediodía do venres o presidente da Xunta, despois do Consello do goberno autonómico. Galicia segue así a decisión tomada anteriormente pola maioría das comunidades autónomas, que xa avanzaran en días pasados un maior control neste sentido.

No caso galego, aínda que a normativa está pendente de coñecerse ao detalle, Alberto Núñez Feijoo avanzou que uso de máscara deberá facerse en todo caso, aínda podendo manter a distancia de seguridade. As excepcións que se contemplan son, entre outras, ás persoas con problemas respiratorios, as persoas conviventes, a práctica de deporte individual ou as praias, cando se estea parado/a ou na auga. Porén, neste último caso, Feijoo expuxo que será obrigatorio poñer a máscara ao camiñar pola area pola proximidade a outras persoas. Alén disto, a Xunta insiste en evitar as reunións masivas que poidan dar pé a un número importante de infeccións.

Publicidade

Focos en Betanzos e A Mariña

Os casos de Covid-19 detectados nos últimos días en Galicia, principalmente na localidade de Betanzos e na comarca da Mariña, centran os esforzos da Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Os positivos vinculados a estes brotes nos últimos días achéganse á vintena: 10 deles na vila coruñesa e un número algo inferior na comarca lucense, onde se mantén o seguimento de contactos despois de detectar máis de 220 casos desde o 23 de xuño.

O foco de Betanzos é agora mesmo o que produce maior preocupación, xa que segundo informou La Voz de Galicia, Sanidade non descarta que se tomen novas medidas para conter o virus se non se conseguen trazar todos os vínculos entre os positivos.

Publicidade

Respecto á Mariña, Sanidade informou de dous novos positivos entre os resultados das 91 probas PCR realizadas nas últimas horas do xoves e primeiras do venres. Concedéronse, por outra banda, catro altas, o que sitúa o número de casos activos en 138. Concedéronse, segundo Sanidade, máis de 70 altas, o que situaría o número de infeccións detectadas ata arredor de 220. Porén poderían ser máis xa que, segundo recolleu Xornal da Mariña, que tivo acceso a un auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a consellería sumaba hai máis dunha semana, o 9 de xullo, 224 casos relacionados co brote da comarca lucense.

En relación a este brote, 485 persoas seguen en seguimento, confinadas no domicilio, polo seu contacto con persoas infectadas. Son, neste caso, 39 menos có xoves, ao superar, nestes casos, o período de corentena indicado.

Outros puntos de Galicia, como Vilalba (con catro positivos), Beariz (catro), ou Vigo, con varios casos importados, están sendo tamén obxecto de especial vixilancia para evitar a propagación comunitaria do SARS-CoV-2.

Casos activos

A Dirección Xeral de Saúde Pública informou este venres da cifra de casos activos de infección polo SARS-CoV-2. Son 224, dos que 160 están na área de Lugo (138 na Mariña), 27 na Coruña, 17 en Vigo, 8 en Pontevedra, 7 en Santiago, 4 en Ourense e 1 en Ferrol. Hai unha persoa ingresada na UCI no hospital Álvaro Cunqueiro, e outras seis en unidades de hospitalización (cinco delas no hospital de Burela, en relación ao brote da Mariña). Galicia achégase xa aos 40 días sen falecementos por mor da Covid-19 (619 desde o comezo da pandemia), e 11.034 persoas xa superaron a infección.


Novas recomendacións en Catalunya e Aragón

O control do brote da Mariña e o levantamento das restricións na comarca, agás Burela, fai afastar, por agora, a posibilidade de medidas máis restritivas, que xa se están vendo noutras partes do territorio estatal. Así, o notable aumento de positivos detectados en Catalunya e Aragón, que fai patente a existencia de transmisión comunitaria, provocou que a Generalitat de Catalunya recomendase á cidadanía non saír da casa na área metropolitana de Barcelona. En Aragón, pola súa parte, o goberno autonómico anunciou que varias comarcas de Huesca e Zaragoza, entre as que se atopan as dúas capitais provinciais, pasan a unha “fase 2 flexibilizada” pola situación epidemiolóxica, na que se pide tamén limitar no posible a mobilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Máscaras FFP2 como norma permanente en sanidade? Isto é o que din os expertos

Máis de medio cento de científicos solicitan á OMS que estableza a protección respiratoria de alta filtración como estándar en todas as contornas clínicas

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña