A transmisión da Covid-19 leva a Sanidade a manter máis restricións en 46 concellos

O peche perimetral mantense en Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras; 16 concellos estarán en nivel alto e outros 27, en nivel medio

O comité clínico de expertos que está a asesorar á Xunta de Galicia durante a pandemia da Covid-19 propuxo este martes novas modificacións no mapa de restricións vixentes para conter a transmisión do coronavirus nos municipios máis afectados. No nivel máximo ficarán a partir da medianoite do xoves 29 ao mércores 30 (cando entrarán en vigor as medidas avanzadas este martes) os concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras. Saen por tanto deste nivel os municipios da Pobra do Caramiñal, O Grove, nos que a partir do venres rexerá o nivel alto. Nos concellos con peche perimetral, como ata agora, mantense tamén a prohibición de reunión con persoas non conviventes e a clausura da hostalaría.

Na liña das restricións en vigor, a área colindante coa ría de Arousa mantense como unha das zonas con máis limitacións (agás Boiro e Catoira). Tamén se estenden as medidas pola área metropolitana de Vigo, coa entrada de Salceda e Nigrán, e na contorna da Coruña (Carballo, Coristanco, A Laracha ou Betanzos). En todos estes municipios, a incidencia acumulada nos últimos 14 e 7 días sitúase por riba da media de Galicia (97,86 e 49,37 este martes, respectivamente, segundo datos do Ministerio de Sanidad).

Publicidade

Así, serán un total de 46 concellos os que terán maiores restricións cá maior parte dos municipios galegos a partir do venres. Así, ademais da Pobra e O Grove, estarán no nivel alto 14 concellos: Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, Ribeira, Cambre e Coristanco. Este nivel supón o peche do interior dos locais da hostalaría e a capacidade máxima do 50% no exterior, ademais doutra serie de medidas contempladas na normativa que entrou en vigor despois dos novos pasos na ‘desescalada’ (máis información aquí).

E en nivel medio quedarán 27 municipios: Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares.  Neles a hostalaría poderá estar aberta ao 30% no interior e 50% en terrazas ata as 21h.

Publicidade

Nos 267 concellos restantes rexerán as medidas do nivel medio baixo. Entre outras restricións, as terrazas dos locais de hostalaría estarán ao 75% e o interior, ao 50% da súa capacidade.

En todo o territorio mantéñense os límites de reunións para catro persoas non conviventes en interiores e seis en exteriores, o peche perimetral da comunidade autónoma e o confinamento nocturno entre as 23 e as 6 horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite