O número de persoas na UCI por coronavirus baixa por primeira vez en Galicia

Supéranse os 5.100 casos activos, as altas chegan ás 587 e os falecementos chegan aos 216 tendo en conta as mortes en residencias de maiores

(en actualización – 14 horas) – Galicia conta, segundo os datos achegados no mediodía deste domingo pola Consellería de Sanidade, con 5.175 persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado por proba diagnóstica e en seguimento das autoridades sanitarias. Con todo, a cifra de portadoras e/ou afectadas pola doenza moi probablemente é maior, toda vez que outras persoas tiveron síntomas leves que non requiriron de atención médica ou ben aínda están a agardar polo resultado das probas diagnósticas para confirmar o positivo. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do 5 de abril, son 5.944 as persoas que deron positivo nas probas diagnósticas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. Segundo o Goberno español, houbo 319 casos novos en Galicia entre a noite do venres e o sábado, cando se pecharon os datos difundidos este domingo. Segundo se pode ver nesta pirámide, os casos que achegan as autoridades son o cumio da pirámide de posibles afectados:

En canto aos concellos, máis da metade dos municipios de Galicia confirmaron desde o comezo da crise algún caso de Covid-19. Porén, isto non se traduce de forma exacta á situación actual, xa que é posible que haxa novos casos aínda sen comunicar (tal e como se ve na pirámide sobre estas liñas) e, por outra banda, que algunhas das persoas afectadas xa formen parte das 587 altas que se concederon en Galicia. De todas formas, a falta de información a nivel municipal, da que se veñen queixando nas últimas semanas varios concellos, dificulta o seguimento do mapa real do coronavirus en Galicia. Noutras rexións, como Castilla y León, Murcia (ver PDF), Cataluña ou Euskadi, entre outras, si se está a informar do número de casos en cada concello.

É posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (máis dun 79% dos casos documentados o 5 de abril) están sendo atendidos nos seus domicilios. Así, algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por limitarse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais, mesmo coa indicación, nalgúns casos, de non facilitar máis información aos medios.

Publicidade

A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos confirmados en residencias de maiores e persoas con discapacidade e entre o persoal sanitario, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Este é o mapa no mediodía do domingo 5 de abril, segundo as informacións compiladas a través dos concellos, medios de comunicación e outras fontes:

(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).

En canto aos falecementos, este sábado elévanse a 182. Á cifra que difunde a Xunta a través de Sanidade hai que engadir 34 falecementos de residentes en centros de maiores, segundo explican desde a Consellería de Política Social. Son, por tanto, polo menos 216 mortes de persoas diagnosticadas con coronavirus. Respecto ao sábado, faleceron dous novos usuarios en residencias: unha no Portazgo (A Coruña) e outra en Nosa Señora da Esperanza (Ourense), da Fundación San Rosendo, que se confirmou esta fin de semana como un dos meirandes focos da Covid-19 en Galicia con 107 persoas usuarias e 34 traballadoras contaxiadas e sete falecementos de residentes.

A boa nova da información achegada este domingo pola Dirección Xeral de Saúde Pública é quea ocupación nas UCI por afectados de coronavirus baixa por primeira vez (de 177 a 169) desde o comezo da crise. Do total de pacientes que cos datos consolidados o sábado ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 169 deles permanecen en UCI (un 3,27%), 893 están en unidades de hospitalización (15,02% e só dúas máis có venres) e 4.113 no domicilio (79,48%). Segundo apuntou o propio Sergas este domingo, 1.700 destas persoas atendidas no domicilio están a ser monitoradas a través da plataforma de teleasistencia TELEA.

Máis altas, máis xente na casa

O freo nas cifras de persoas atendidas nos hospitais é un dos sinais de optimismo cara aos próximos días, aínda que Galicia é unha das comunidades autónomas que se atopa aínda nunha fase máis temperá da epidemia. Así, prevese que número de persoas ingresadas en hospital e UCI siga aumentando nos vindeiros días, aínda que se está freando en proporción respecto ao total dos casos. Así, segundo se pode ver baixo estas liñas, case 4 de cada 5 confirmados están sendo atendidos na casa (área amarela) e comeza a aumentar nos últimos días a anchura da liña verde (o das altas).

Esta liña representou de novo o maior incremento en porcentaxe dentro dos números do coronavirus en Galicia. Foron 56 persoas (un 10,55% máis), e a cifra total (587) cuadriplicouse nunha semana.

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.058 persoas na área da Coruña-Cee, 555 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 921 na de Ourense-Verín-O Barco, 444 na de Pontevedra-Salnés, 1.075 na área de Vigo, 816 na de Santiago-Barbanza, e 306 na de Ferrol.

Respecto aos datos que se difundiron o sábado, a área de Santiago Barbanza é a que rexistra o maior incremento de casos, con 122 máis. Ourense-Verín-O Barco rexistra tamén un incremento de 46 casos activos, debidos en parte aos positivos confirmados por Política Social na residencia Divino Maestro. Pola súa parte, Lugo-A Mariña-Monforte non confirmou ningún novo positivo, e baixa os casos activos en tres ao rexistrarse tres óbitos.

Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias nas últimas dúas semanas.

Sanidade informou, como vén facendo desde hai dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 28.191 desde o comezo da crise (2.349 máis có día anterior). Este gráfico representa a relación entre os casos novos confirmados cada día polo Ministerio de Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.

Os centros de maiores e discapacidade

Nos últimos días, a Consellería de Política Social está a achegar pola súa parte os datos de afectados entre residentes e traballadores das residencias de persoas maiores e con discapacidade. Desde o mércores 1 de abril, debido a un cambio de criterio na difusión dos datos aos medios, Política Social só informa dos falecementos nas residencias (este domingo ascendían a 34), mentres que Sanidade informa dos óbitos dos residentes que tiveron lugar en hospitais (12 máis). Por tanto, estímase que polo menos 46 persoas morreron nestes centros debido ao coronavirus, segundo os datos oficiais.

Os casos activos este domingo relacionados coas residencias son 885 tendo en conta que os positivos si entran todos dentro das cifras que difunde Sanidade. Outro dos valores que se ve afectado é, por tanto, o da taxa de letalidade, que sería algo maior cá difundida polo presidente Alberto Núñez Feijoo (2,93%) este mesmo domingo, toda vez que nalgunha das informacións difundidas nos últimos días non se contabilizaron os óbitos que tiñan lugar nas propias residencias de maiores, algo que tampouco fan outras comunidades autónomas, así como as mortes doutras persoas que se produciron na casa, feito do que tamén hai constancia en Galicia. Tendo en conta as mortes en residencias, a taxa sería do 3,63%.

O considerable número de casos que se producen nestas residencias dentro do total de Galicia pode relacionarse, segundo explican desde a Xunta, co maior esforzo de realización de probas nos centros que no resto da poboación, toda vez que os residentes forman parte dun grupo de maior risco e cunha maior probabilidade de contaxio debido á exposición do persoal laboral destes centros.

Este é o mapa dos focos nas residencias en Galicia segundo os datos da devandita consellería.

Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad. Dos 130.759 afectados, xa se curaron 38.080:

Baixa o número de mortes por coronavirus: 674 en 24 horas

En Portugal:

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos supera xa os 300.000 casos acumulados e España superou xa a Italia en número de casos:

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A forte borrasca Herminia acende as alertas por temporal de vento e chuvias intensas en toda Galicia

Unha fronte moi activa deixará este domingo persistentes precipitacións que poderán acumular máis de 80 litros por metro cadrado na Coruña, Pontevedra e Ourense

A tormenta solar que deixou ver auroras boreais en Galicia en maio de 2024 foi a máis intensa en 35 anos

Os episodios volvéronse repetir en outubro de 2024 e en aninovo, e neste 2025 o ciclo solar está no seu máximo

Producir viño sen alcol (pero coas mesmas propiedades): o desafío dun proxecto con raíces en Galicia

A iniciativa nacional UBAVIDA, no que participa unha bodega do Salnés, busca as mellores prácticas para estandarizar a bebida

O mapa do cancro de Galicia revela as comarcas con maior incidencia

En Vigo, Lugo e Valdeorras diagnosticáronse en 2022 máis novos casos en homes, mentres que en mulleres lideran Bergantiños, A Mariña Occidental e O Baixo Miño