O mapa dos casos de Covid-19 nos concellos de Galicia

Un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública ao que tivo acceso "La Voz de Galicia" expón a incidencia acumulada desde comezos de setembro

Galicia é unha das poucas comunidades autónomas cuxo goberno non achega información detallada dos casos de Covid-19 a nivel local. Nos partes diarios da Consellería de Sanidade ofrécese a situación dos casos activos (as persoas que actualmente están considerados como pacientes de coronavirus) en cada unha das sete áreas sanitarias, mais non hai ningunha serie pública de datos que amose a detección de novos positivos diarios, ou a situación en cada municipio. O propio presidente autonómico argumentou a semana pasada respecto a isto último que esta información non é pública por “prudencia”, xa que podería resultar “perigosísimo” acceder a esta información en municipios pequenos, onde poderían desencadearse sinalamentos e estigmas. Con todo, a información existe, e dela dispoñen as autoridades sanitarias e o comité clínico que se reúne todas as semanas para analizar a evolución da pandemia. Baséandose nestes datos tómanse as medidas para limitar os contactos sociais, que actualmente rexen en máis dunha decena de municipios, e frear así a transmisión do virus. A este informe tivo acceso nos últimos días o xornal La Voz de Galicia, que recolleu os datos e o mapa da incidencia nunha información que permite observar a evolución da pandemia, con data do 16 de setembro, nos 14 días anteriores.

Non é posible coñecer, con todo, a incidencia en relación ao número de habitantes, que adoita ser o indicador máis claro sobre a situación da pandemia nunha área concreta. A información difundida por La Voz de Galicia establece catro rangos para o mapa (ningún caso, de 1 a 14, de 14 a 42 e máis de 42). Deste xeito, seis das sete cidades (agás A Coruña), onde por tamaño de población se superan os 42 casos nos 14 días anteriores á data do informe, aparecen en vermello, aínda que non todas (en Vigo, Ferrol e parte da cidade da Coruña non hai vixente ningunha limitación engadida), teñen un número considerable de casos sobre o total da poboación.

Publicidade

Con todo, noutras vilas de menor tamaño é posible observar como a incidencia é meirande. É o caso de Arteixo, Carballo, Teo, Lalín, Marín, ou Outeiro de Rei. En todos eles, agás en Teo e en Outeiro de Rei (onde os casos se concentran na residencia de maiores DomusVi), houbo nas últimas semanas restricións para frear a transmisión do SARS-CoV-2. En total, 13 concellos superaron estas cifras nas últimas semanas.

No seguinte chanzo (19 concellos), o mapa amosa outras das localidades tamén afectadas nalgún momento polos controis especiais desde comezos de mes, como O Rosal, A Guarda, Verín, Poio, Ponteceso, Culleredo, Cambre ou Silleda, alén doutras como Betanzos, Narón, Negreira, Ames, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Tui, Sarria, Monforte de Lemos, Lourenzá ou Barbadás.

Publicidade

Porén, o 60% dos concellos galegos rexistrou entre o 2 e o 16 de setembro entre 1 e 14 casos. E outros 92, na súa meirande parte na provincia de Ourense, non rexistraron ningún positivo nese tempo.

1 comentario

  1. Hai unha contradicción entre o texto do artigo e o mapa, xa que o primeiro dí: “Deste xeito, as sete cidades, onde por tamaño de población se superan os 42 casos nos 14 días anteriores á data do informe”, mentres que o mapa da para a ciade da Coruña un valor de “Entre 1 e 14 casos”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño