Numerosos cambios no mapa da Covid-19 en Galicia

A desigual evolución da pandemia no territorio leva a nivel básico a xx concellos e establecer peches noutros seis municipios

Responsables da consellería de Sanidade, encabezados polo titular da mesma, Julio García Comesaña, anunciaron este mediodía un importante cambio no mapa de restricións en catro niveis no que se sitúan os concellos galegos desde o comezo da segunda ‘desescalada’ o pasado venres 4 de decembro. No marco dun descenso xeral na cifra de novos casos e da ocupación hospitalaria, e ás portas do panorama incerto para o Nadal, a Xunta decidiu incluír seis municipios (Sarreaus, A Rúa, Camariñas, Zas, Tomiño e O Rosal) nos peches perimetrais vixentes, e levantou as restricións de mobilidade noutros sete municipios (Silleda, Ribadavia, A Laracha, Cabana e Malpica de Bergantiños, Vilanova de Arousa, Xinzo de Limia). As medidas entrarán en vigor da medianoite do venres ao sábado, despois de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Segundo expuxo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a tendencia xeral é de baixada na incidencia acumulada nos últimos 14 días en cada unha das sete áreas sanitarias. Aínda que as cifras non son homoxéneas, cunha incidencia maior nas áreas de Pontevedra e Vigo e menor en Ourense fronte á media de Galicia, a carga asistencial nos hospitais descende en todas as zonas. Así o constatou José Flores, xerente do Sergas, que expuxo que o 94% dos pacientes en seguimento por coronavirus están no domicilio. Destacou, con todo, que segue habendo unha maior ocupación, sobre todo en camas de críticos, en Vigo, A Coruña e Pontevedra. Mais Galicia mantense por baixo do 7% das camas de UCI ocupadas por enfermos de Covid-19 e por baixo do 4% no resto de unidades de hospitalización, segundo os datos do Ministerio de Sanidad.

Publicidade

Así queda o mapa

Nos tres primeiros niveis (máximo, medio-alto e medio) establécense limitacións de mobilidade. As diferenzas nestes rangos residen na capacidade dos locais de hostalaría e o seu horario de peche, así como no máximo de persoas por reunión, entre outras medidas, tal e como detalla a orde en vigor ditada a pasada semana. Por tanto, aínda que nalgúns municipios como Pontevedra, Marín, Poio, Lugo, Narón ou O Porriño, se rebaixou o nivel de restricións, mantéñense as limitacións de mobilidade. Nestes casos, as medidas só afectan á capacidade dos locais de hostalaría, horarios ou máximo de persoas por xuntanza. No caso do Porriño ou Narón, modifícase o ámbito do peche perimetral, xa que o municipio pontevedrés intégrase na améndoa da área metropolitana de Vigo, e Narón volve equipararse a Ferrol. No mapa poden verse os detalles.

Estes son os peches perimetrais.

Publicidade

  • Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar e O Porriño
  • A Coruña, Arteixo, Culleredo e Cambre
  • Pontevedra, Poio e Marín
  • Ferrol e Narón
  • A Guarda, Tomiño e o Rosal
  • O Grove e Sanxenxo
  • Meaño, Ribadumia e Meis
  • Vimianzo, Camariñas e Zas
  • Cee-Dumbría-Muxía
  • Coristanco e Ponteceso
  • Lugo
  • Vilagarcía de Arousa
  • Carballo
  • Redondela
  • Cangas
  • Moaña
  • Ponteareas
  • As Pontes de García Rodríguez
  • Cambados
  • Vilalba
  • Vilaboa
  • Soutomaior
  • Ponte Caldelas
  • Cerdedo-Cotobade
  • Barro
  • Boiro
  • Tui
  • Sarreaus
  • A Rúa

No caso do resto dos concellos (tamén os municipios rodeados por peches perimetrais, pero nos que non hai esta restrición, como é o caso de Malpica, Cabana, Fisterra, Corcubión, Baiona, Oia, Nigrán ou Bueu), si está permitido o tránsito cara ao resto de municipios de Galicia en nivel básico. O que non está permitido é parar nos concellos con peches perimetrais (agás por causas xustificadas que contempla a orde do DOG).

Alén disto, e aínda que tamén sen restricións, quedan baixo vixilancia pola súa evolución os municipios de Abegondo, Neda, Ordes, O Barco, Rodeiro, Verín, Bueu, Santa Comba, A Baña, Mazaricos, Negreira, Ribeira, A Pobra e Rianxo. É posible que en vindeiras xuntanzas do comité clínico (a próxima é o martes que vén) se incrementen as restricións, con posibles peches perimetrais.

Zonas con evolución desfavorable

A directora xeral de Saúde Pública abordou ademais a situación concreta nalgúns municipios que se incorporan ao nivel máximo de restricións. Destacou o caso de Sarreaus, que pasou de 4 a 38 casos acumulados na incidencia a 7 días, acadando a maior incidencia acumulada (pola súa baixa poboación) dos concellos galegos. O mesmo aconteceu no municipio da Rúa, que xa levaba semanas baixo vixilancia de Sanidade, ou Rodeiro, onde un cribado destapou un número importante de casos. Na Terra de Soneira, Camariñas e Zas amosaron unha evolución “que non é tranquilizadora” (25 e 21 casos respectivamente nos últimos 14 días) polo que se incorporan a améndoa perimetral co outro concello da comarca, Vimianzo, xa pechado desde hai semanas. Por outra banda, na comarca de Barbanza, só se mantén Boiro co peche perimetral, pero establécese unha vixilancia especial en Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal polo aumento de positivos.

Na comparecencia deste venres participou tamén o doutor Pedro Rascado, do CHUS, e membro do comité clínico, que volveu apelar á prudencia na responsabilidade cidadá para continuar o descenso. “Non podemos nin queremos volver atrás”, expuxo.

Datos da pandemia

Así está a situación nos hospitais.

En canto ao indicador de casos activos, a cifra segue baixando ao ser maior o número de altas có de novos casos:

Continúan rexistrándose varios falecementos diarios. Desde o comezo da pandemia xa son preto de 1.300 as vítimas da Covid-19 en Galicia:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño