Aumentan os casos de Covid-19 na área de Vigo, cun 33% dos activos en Galicia

Galicia baixa dos 800 pacientes atendidos pola doenza, pero as áreas de Vigo e Santiago-Barbanza seguen unha tendencia máis lenta no descenso

Os datos que achega a Consellería de Sanidade sobre os casos activos amosan un aumento nas cifras da área sanitaria de Vigo, que xa representa un terzo dos afectados no territorio galego. A área viguesa, xunto á de Santiago, amosan nos últimos días unha tendencia máis lenta no descenso de casos. Con todo, tal e como constata Sanidade, a cifra diaria de novos pacientes que se coñece cada día en Galicia mantense por baixo da decena. Ante isto, é salientable o aumento do que informa a Xunta respecto a Vigo, con 14 persoas máis (de 254 a 268).

Explicación

Segundo explican desde a área sanitaria de Vigo, o aumento destes casos non se debe necesariamente a novas infeccións, senón que deriva de persoas xa afectadas pola doenza que, despois de recibir a alta epidemiolóxica (negativo na proba PCR) volven dar positivo e, por tanto, se incorporan de novo á cifra de casos activos que facilita Sanidade. A imaxe real, explican desde o Sergas, é de só 1 novo positivo detectado na área de Vigo. En Galicia, segundo informou pola tarde o Ministerio de Sanidad, foron tres os positivos detectados durante o mércores. “Estamos repetindo probas a algúns pacientes que deran negativo, estase aumentando o número de probas e estas teñen maior sensibilidade, o que provoca que nalgúns casos se volvan notificar como positivos persoas que estaban en seguimento, pero non como casos activos”, explican.

Publicidade

No conxunto de Galicia son 799 persoas, das que 187 están na área da Coruña-Cee, 51 son da de Lugo-A Mariña-Monforte, 94 da de Ourense-Verín-O Barco, 36 da de Pontevedra-Salnés, 268 da de Vigo, 142 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Así, mentres que os casos activos no total de Galicia na última semana baixaron un 23,9%, en Vigo apenas caeron un 1,87%, fronte ao 70% de Ourense, que rexistrou a meirande baixada nas últimas semanas debido ás curacións nas residencias e centros de maiores.

Publicidade

No referente aos hospitais, do total de pacientes positivos, 5 permanecen en UCI (os mesmos ca onte), e 37 están en unidades de hospitalización; son 12 menos, o que fai baixar a ocupación por Covid-19 nos hospitais a valores semellantes ao domingo 15 de marzo, cando entrou en vigo o estado de alarma. O 95% dos pacientes (757) activos por Covid-19 están sendo atendidos no domicilio. En Galicia superaron a infección un total de 9.849 persoas (o 87,44%), e producíronse 615 falecementos, segundo a Xunta, aínda que o Ministerio de Sanidad rebaixa a cifra a 608 ao realizar a revisión de posibles casos sospeitosos.

Nos centros residenciais de persoas maiores e con discapacidade, os casos activos son 116 (68 usuarios e 48 profesionais), o que supón o 14,5% dos totais.

Outra das cifras que achega a Consellería de Sanidade é a do número de PCR realizadas é de 138.993, 1449 máis ca onte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Chega o CinVigo, o festival científico que leva a ciencia á rúa

O evento celebra a súa cuarta edición e trasládase á Avenida de Beiramar, onde convocará actividades para todas as idades na última fin de semana de abril

A oceanógrafa Aida Fernández Ríos, nomeada Científica Galega do Ano 2026

Foi unha das principais expertas europeas no estudo da acidificación do océano e unha das primeiras mulleres a bordo de buques de investigación

Un estudo asocia o aumento da temperatura do mar coa expansión cara ao norte da desova da xarda

A investigación ofrece unha base científica para mellorar a avaliación das poboacións, identificar hábitats esenciais e tomar decisións na xestión pesqueira