Dous docentes da Uvigo, representantes de Galicia na Academia das Ciências de Lisboa

Desde este xoves, a Academia das Ciências de Lisboa, unha das institucións científicas máis antigas, fundada en 1779, conta con tres novos académicos correspondentes galegos. Trátase de Martinho Montero Santalha, Isaac Alonso Estraviz e Ângelo Cristovão, os dous primeiros docentes da Universidade de Vigo. O seu acto de toma de posesión celebrouse en Lisboa nunha sesión especial sobre A Língua Portuguesa na Galiza na que a lusofonía foi a grande protagonista.

“O nomeamento como académico correspondente débese, máis que a méritos persoais, ao desexo da Academia das Ciências de homenaxear á Academia Galega da Língua Portuguesa”, destaca José-Martinho Montero Santalha, profesor de Lingua e Literatura Galega na Faculdade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra. Segundo explica o profesor, cúmprense agora oito anos da fundación desta entidade en Santiago de Compostela e despois de dous períodos de catro anos acaba de ser renovada a súa directiva. Os tres novos académicos correspondentes de Galicia na Academia das Ciências de Lisboa foron nese período os tres cargos principais da Academia Galega da Língua Portuguesa: José-Martinho Montero Santalha presidente, Isaac Alonso Estraviz vicepresidente e Ângelo Cristóvão secretario. Durante os oito anos ao seu fronte, salienta, mantiveron relación tanto coa academia portuguesa como coa brasileira, colaborado en diversas actividades tanto en Galicia coma en Lisboa e Brasil.

Publicidade

“Só a unidade lingüística galego-portuguesa nos pode dar algunha esperanza”

 A toma de posesión celebrouse no Salón Nobre da Academia en Lisboa en sesión especial co título A Língua Portuguesa na Galiza. O encontro comezou coa benvida a cargo de Artur Anselmo, presidente da Academia das Ciências de Lisboa, á que lle seguiu a presentación dos novos académicos por parte do profesor Malaca Casteleiro, o discurso dos tres homenaxeados e unha intervención do profesor Carlos Reis titulada Língua Portuguesa: O Meu Lar Perdido e Reencontrado. Durante a súa intervención no acto, que levou por título A Galiza na Lusofonia, Montero Santalha, ademais de agradecer a acollida que se dá a Galicia con estes nomeamentos, comentou que a lingua de Galicia “é unha forma do idioma que no mundo se coñece como língua portuguesa, de modo que Galicia fai parte, con pleno dereito, do mundo da lusofonía, como teñen afirmado figuras tan importantes da cultura galega como Murguía, Castelao ou Carvalho Calero”. 

Na “situación dramática en que se atopa a supervivencia do galego”, recalcou o docente do campus de Pontevedra, “só a unidade lingüística galego-portuguesa nos pode dar algunha esperanza”. Pola súa banda, Isaac Alonso Estraviz, profesor xa xubilado de Didáctica da Lingua e Literatura Galega no campus de Ourense e na actualidade docente no seu Programa Universitario de Maiores, realizou unha intervención que tivo por título Do Návia ao Mondego, Semente da Língua Portuguesa. Ao remate da sesión, o presidente da Academia das Ciências entregou aos novos académicos o diploma de socio-correspondente. Eles serán os encargados de dar continuidade á representación galega na institución, anteriormente ostentada polos profesores Ricardo Carvalho Calero e Ernesto Guerra da Cal.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento