A desigual distribución das vacinas contra a Covid-19 volveu introducir no debate os condicionantes que as patentes dos fármacos provocan no acceso a unha sanidade de calidade de forma igualitaria. Nesta cuestión conflúen factores económicos, políticos e legais que, en moitas ocasións, condicionan a xeralización de tratamentos contra algunhas doenzas. Para responder á cuestión de se as patentes dificultan o acceso aos medicamentos, as Regueifas de Ciencia reúnen este xoves 23 de setembro a catro persoas expertas na materia. Serán Vicente Ortún, Félix Lobo, Xosé María Torres e Vanessa López, que defenderán, respondendo si ou non á pregunta que se presenta, as súas posturas. A iniciativa está financiada pola Fecyt e é impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela.
Na parte do ‘non’ situaranse Vicente Ortún, catedrático emérito de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona; e Félix Lobo investigador honorífico da Universidade Carlos III de Madrid (Departamento de Economía) e Membro do Consello de dirección do Máster en Avaliación Sanitaria e Acceso ao Mercado (Fármaco-Economía). Na outra banda estarán Xosé María Torres Bouza é farmacéutico e especialista en Farmacia Industrial e voceiro de Farmamundi-Galicia, e Vanessa López, directora executiva da Fundación Salud por Derecho.
https://twitter.com/regueifaciencia/status/1438414057896386562













