Xoves 28 Marzo 2024

Continúan as actividades de cooperación do Campus do Mar en Cabo Verde

Suma e segue. Campus do Mar  continúa coa organización de diferentes actividades en Cabo Verde, nesta ocasión, cunhas xornadas sobre transferencia e innovación nas que, entre outros, participaron Emilio Fernández e José Manuel Silva, doutor honoris causa da Universidade de Vigo e ex-director xeral de Investigación e Agricultura da Unión Europea. “A presenza de Silva nesta viaxe vai dirixida a aproveitar a súa extraordinaria experiencia de varias décadas como alto cargo da UE”, subliñou o director do Campus do Mar, que fixo fincapé en que Silva tivo oportunidade nesta visita de explicar aos profesores, xestores e empresarios de Cabo Verde as posibilidades de financiamento europeo neste país “ademais de reforzar o papel de Campus do Mar nas visitas institucionais realizadas”.

Esta nova viaxe a Cabo Verde enmárcase no marco dun proxecto de cooperación ao desenvolvemento financiado por Cooperación Galega (Xunta de Galicia), ao longo do cal docentes e investigadores do Campus do Mar veñen impartindo diferentes cursos de especialización neste país africano, que abarcaron temáticas como Estatística Pesqueira, do que se encargou o investigador do Instituto Español de Oceanografía, José Castro; estatística, impartido polo profesor da Universidade de Vigo Juan Carlos Pardo, e outro sobre escritura científica que correu a cargo do profesor Henrique Queiroga da Universidade de Aveiro.

Publicidade

Acordouse a posta en marcha de dous proxectos de investigación e emprendemento

Emilio Fernández e José Manuel Silva participaron nesta ocasión como relatores dun curso sobre as oportunidades que poden supor para Cabo Verde o programa europeo H2020, impartido por Rosa Fernández, do Cetmar, e que se desenvolve ao longo de toda a semana.
En paralelo ao curso, o director do Campus do Mar e José Manuel Silva aproveitaron a súa estancia en Cabo Verde para entrevistarse co coordinador de Cooperación Española neste país africano, Jaime Puyoles; co representante da UE en Cabo Verde, Luis Maia, e con diferentes representantes de Nacións Unidas, coa finalidade de analizar posibilidades de financiamento de accións futuras. “Ademais, visitamos tamén á reitora da Universidade de Cabo Verde e o seu equipo, encontro no que fixemos un punto de situación do proxecto e planificamos actividades futuras”, explicou Emilio Fernández, xa de volta en Galicia, que fixo tamén fincapé en que nesta reunión tiveron a oportunidade de constatar o satisfactorio desenvolvemento dos diferentes traballos e se acordou a posta en marcha de dous proxectos piloto: un deles centrado na análise da cadea de valor do sector pesqueiro en Cabo Verde e un segundo que aspira a pór en marcha un programa de emprendemento no ámbito do mar de similares características ao xa executado en Galicia, Empreamar.

Aparte da “excelente sintonía” entre o Campus do Mar e as institucións cabo verdianas, Emilio Fernández destacou o compromiso de seguir traballando conxuntamente, o éxito das conferencias e do curso de formación e a “moi boa percepción que teñen do noso traballo en Cabo Verde tanto a cooperación española, como a representación da UE e Nacións Unidas, que desembocan en boas perspectivas de financiamento de proxectos futuros no país”.

“Estas reunións afianzan a cooperación no financiamento de proxectos futuros”

A relación de Campus do Mar con Cabo Verde e, máis concretamente, coa súa universidade e co Instituto Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro, remóntase ao ano 2012 e, dende entón, foron múltiples as diferentes accións postas en marcha, tanto no eido investigador como no docente. “Eu destacaría a formación en Vigo de catro doutores cabo verdianos aos que se engadirán catro máis dentro deste proxecto e, principalmente, a posta en marcha o vindeiro curso dun programa de doutoramento en Oceanografía e Recursos Mariños, da Universidade de Cabo Verde e que discorrerá asociado ao programa DoMar do Campus do Mar”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tese estuda o proceso de artificialización litoral na ría de Vigo

A investigación da UVigo cuantifica e caracteriza o incremento de superficies artificiais nas zonas costeiras, de utilidade para unha xestión sostible

Facer visibles as pradarías mariñas para coidalas

As universidades de Vigo e Santiago participan no proxecto Zosteco, que estuda en detalle este ecosistema mariño na contorna da illa de San Simón

Os produtos de limpeza das bateas afectan ao organismo dos mexillóns

O investigador Vladimir Dobal expón nunha tese que estes compostos inducen alteracións nos sistemas respiratorio, dixestivo e reprodutor

O catedrático Ricardo Beiras publica un libro sobre contaminación mariña

O profesor da UVigo recolle nunha obra de 400 páxinas a experiencia de máis de 20 anos de investigación e docencia neste eido