Os investigadores de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, xunto con Luis Sampedro, do CSIC, participaron na XXX Campaña Antártica Española durante o verán austral. Desenvolveron alí un dos proxectos seleccionados polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro da convocatoria de investigación polar 2016/2017.
Saíron de Vigo cara Madrid, para voar despois a Santiago de Chile e logo a Punta Arenas, desde onde embarcaron no buque oceanográfico Hespérides cara a Illa Decepción, a que foi súa casa e o seu laboratorio durante un mes.
Tardaron arredor dunha semana en chegar á base española Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, o día 10, xusto unha semana despois da súa partida dende Galicia. O Hespérides, xunto co Sarmiento de Gamboa, con base en Vigo, foi un dos buques que apoiou aos científicos desde o mes de decembro, encargándose do relevo dos diferentes equipos científicos e do material.
Os científicos realizaron un estudo sobre as algas na Antártida
O proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios, coordinado polo profesor Mariano Lastra, conta cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Para o docente, a campaña que comezou en febreiro supuxo a sétima expedición ao continente xeado, a segunda dentro do mesmo proxecto (outras cinco desenvolvéronse baixo o paraugas de dous proxectos anteriores). Sobre o estudo que realizaron nesta ocasión, os científicos vigueses explican que “as praias son ambientes de baixa produtividade, é dicir, que teñen moi pouca vexetación mariña e terrestre, pola que a chegada de algas representa un subministro de alimento que sostén boa parte da cadea alimenticia”. É dicir, que as algas varadas serven como refuxio dun gran número de especies de pequeno tamaño e axudan ademais a conservar as praias ao acumular ao seu redor gran cantidade de area, que doutra forma sería arrastrada polo vento e as ondas.
Estes fenómenos, amplamente estudados noutras zonas do planeta, non o foron tanto no litoral Antártico, e este foi o xermolo do proxecto vigués. Subliñaban os docentes que os datos previos apuntan á relevancia ecolóxica do varamento destas algas na costa, vinculada á enorme produtividade dos mares antárticos. O obxectivo do equipo galego foi valorar a importancia das grandes algas antárticas (macroalgas) na ecoloxía do litoral de Illa Decepción e os resultados que obtiveron poden ser extrapolables a amplas zonas do litoral antártico que carecen de xeo durante o verán.
Os científicos remarcaron a importancia de que Illa Decepción sexa un “sistema de caldeiras volcánicas colapsado e ocupado polo mar”. Isto ten como consecuencia unha importante actividade xeotérmica, que ofrece “unhas condicións moi peculiares nas que se combinan climatoloxía polar, riqueza biolóxica e vulcanismo, algo difícil de atopar noutras zonas do planeta”. No estudo, analizaron o proceso de descomposición da algas en zonas nas que existe quentamento de orixe volcánica, e os resultados axudarán nun futuro a interpretar os grandes cambios que está sufrindo a Antártida en termos de cambio climático. De feito, un dos aspectos aos que o equipo galego prestou máis atención foron as emisións de gases de efecto invernadoiro durante os procesos de descomposición das algas, xa que a previsión é que a presenza destes gases na atmosfera aumente en forma significativa nas próximas décadas vindeiras, un fenómeno especialmente evidente e preocupante en contornas polares.