Un manuscrito inédito en galego dos Séculos Escuros

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé A. Fernández Salgado publicou este ano o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, publicado por Edicións Laiovento, no que dá a coñecer a edición e estudo dun manuscrito inédito, escrito en galego, que se encadra dentro do período coñecido como dos Séculos Escuros.

A obra publicada.
A obra publicada.

A escaseza de textos escritos en galego do século XVIII acrecentan a valía destas Cincuenta décimas e obrigan a matizar afirmacións sobre o anecdótico uso do galego escrito nesta altura. “Á vista delas, semella máis ben que neste tempo existe unha escrita en galego, aínda que moitos deses textos non chegan a imprimirse. De aí a importancia da publicación deste manuscrito”, subliña Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.

Publicidade

“A súa extensión, datación, redacción íntegra en galego e un rexistro lingüístico coidado converten as Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas nun texto de referencia obrigada na Historia da lingua e literatura galegas”, recalca contundente o autor na introdución da obra.

‘A obra é un texto de referencia na Historia da lingua e da literatura galegas’

O manuscrito que se edita atópase nun pequeno caderno de catro follas sen numerar e custódiase no arquivo da Fundación Penzol. “Eu estaba traballando nos arquivos da fundación nunha investigación que nada tiña que ver con isto e revisando unha caixa con documentos pendentes de catalogar atopei estas follas e, por suposto, ao estar en galego, chamaron a miña atención”, explica Fernández Salgado, ao que engade que “estes documentos poderían pertencer ao fondo de Xosé María Álvarez Blázquez”.

Publicidade

Á importancia da datación e da extensión do manuscrito, o autor do libro engádelle outros aspectos. Por unha banda, non só está redactado totalmente en galego, “outros textos da época poden presentar partes en castelán”, senón que as décimas presentan calidade lingüística, “nelas emprégase un rexistro lingüístico culto, mentres que outros escritos da época son textos populares, que imitan o falar do pobo”, recalca Fernández Salgado.

Fernández Salgado.
Fernández Salgado.

Co fin de achegar as décimas a varios tipos de destinatarios, tanto a investigadores como a lectores medios, o libro inclúe dúas edicións do manuscrito: unha case paleográfica, e outra co texto actualizado graficamente e con abondosas notas que facilitan a comprensión dunha obra centrada sobre todo na censura contra o Cura de Fruime, focalizada sobre todo nos Petitorios, que se viñan publicando dende 1745 co fin de recadar bens para o culto da Virxe das Dores, da que Zernadas era gran devoto. “Polo que parece o autor das décimas estaría ofendido pola crítica ou censura que o cura lle debía ter feito nalgún deles”, explica o autor.

Ademais, o volume inclúe tamén capítulos á parte de comentarios e conxecturas sobre a datación e autoría do texto e un completo e rigoroso estudo lingüístico, tanto gráfico, como gramatical e léxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais