O 11 de maio de 2017, despois dunha reunión do Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijoo anunciaba a retirada do borrador do decreto de persoal laboral investigador, que estaba destinado a regular a contratación dos científicos adscritos a centros de investigación da Xunta.
A raíz do asunto estaba en marzo de 2016, cando a Consellería de Facenda anunciou a creación dunha normativa “pioneira” no Estado para regular a situación do persoal laboral investigador adscrito aos entes dependentes da Xunta, con especial fincapé nos eidos da saúde, a alimentación e a innovación.
Científicos galegos de relevancia internacional esixiron a Feijoo a retirada da norma
Non en tanto, unha vez coñecido o texto do borrador do decreto, o malestar dos investigadores comezou a facerse patente. Un grupo de científicos adscritos a algunhas das entidades incluídas no decreto (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, Cesga, Intecmar, Fundación Rof Codina, EGAP, GAIN ou Amtega, entre outras) comezou a organizarse para esixir a “paralización inmediata” do decreto e a “resolución das deficiencias” que, segundo eles, contempla o novo regulamento.
O erro máis rechamante do texto, a ollos dos investigadores, era “a temporalidade e a precariedade” dos contratos. Sinalaban, coa regularización do persoal laboral investigador en Galicia, agardaban unha mellora da situación. Non en tanto, dicían que o novo decreto non resolvía o problema, senón que o agravaba.
O decreto contemplaba contratos cunha duración máxima de cinco anos
No texto non se contemplaban contratos indefinidos, e a duración máxima dos mesmos era de cinco anos. Por isto, os científicos alertaban de que a norma excluía “a posibilidade de que haxa investigadores estables na nosa Comunidade, o que introduce unha discriminación negativa” respecto ao resto do persoal laboral. Sinalaban, do mesmo xeito, que ese marco normativo “dificultaba” a posibilidade de “atraer e reter talento fóra do marco da Universidade”, “obstaculizaba a captación de recursos e persoal” e freaba “a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter beneficios á sociedade”.
A comezos de maio, decenas de científicos e científicas de referencia en Galicia, con relevancia internacional, fixeron pública unha carta dirixida a Alberto Núñez Feijoo na que pedían ao presidente da Xunta que paralizase o decreto. Entre os asinantes estaban o director da Fundación Pública de Medicina Xenómica de Galicia, Ángel Carracedo, os directores do CiQUS e o CiMUS, José Luis Mascareñas e Carlos Diéguez, o director do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Antonio Figueras, e varios decanos, como Juan Gestal(Medicina na USC), Moisés Canle (Ciencias da UDC), Antonio Segura (Bioloxía da USC), Luis Miguel Varela (Física da USC) e recoñecidas catedráticas como María José Alonso, Laura Sánchez Piñón ou Mabel Loza.
Só unha semana despois de que se fixera pública a carta dos científicos, Feijoo anunciaba a retirada da norma. “Mentres non haxa aproximación non imos aprobar este decreto”, dixo Alberto Núñez Feijoo, quen engadiu que avaliaría “as propostas trasladadas por investigadores e académicos” para redactar “unha norma axeitada”.
“O que buscaba este decreto era dar estabilidade, pero parece que ía producir o contrario”, recoñecía o presidente. Unha vez retirado o borrador, Xunta e científicos sentáronse de novo á mesa para traballar na redacción dunha nova norma que deixara máis satisfeitas a todas as partes.