O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará este xoves 16 de novembro o acto de ingreso de Carlos Diéguez González (San Xoán de Río-Ourense, 1955), catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago (USC), como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19.00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado Máis aló do hipotálamo: unha viaxe compartida, que será contestado en nome da RAGC polo académico Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Publicidade

Referente no campo da neuroendrocrinoloxía

Carlos Diéguez doutorouse na facultade de Medicina da USC en 1993. Ao longo da súa traxectoria centrou o seu labor investigador particularmente no campo da Endocrinoloxía e a Nutrición. Nos últimos 30 anos esta actividade reflectiuse en máis de 500 traballos en revistas internacionais; 58 deles publicados en Endocrinology e 46 no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism, ámbalas dúas da Sociedade Americana de Endocrinoloxía. Tamén publicou noutras revistas transdisciplinares de alto impacto como Lancet, Nature Medicine, Physiological Reviews, Trends in Neuroscience, Trends in Molecular Medicine, EMBO Journal…

É un científico altamente citado -máis de 58.000 veces- e é convidado con frecuencia a impartir conferencias en prestixiosos congresos internacionais como o Congreso Mundial de Endocrinoloxía, Congreso Europeo de Endocrinoloxía, Congreso Internacional de Neuroendocrinoloxía, Europeo de Farmacoloxía, Europeo de Neuropsicofarmacoloxía, Mundial de Fisioloxía, Europeo de Obesidade, entre outros moitos. Na súa traxectoria dirixiu unha trintena de teses de doutoramento.

Publicidade

Entre os seus recoñecementos, recibiu o Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde, Premio Hypocs (galardón de ámbito mundial destinado a premiar un labor investigador de excepcional relevancia en neuroendocrinoloxía), Medalla da Sociedade Española de Endocrinoloxía, Premio Novoa Santos ou o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía, entre outros. Na actualidade é investigador principal no CiMUS, centro do que foi o director científico durante unha década; tamén foi director científico do CIBEROBN

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Aida Fernández Ríos: da produtividade das rías á acidificación oceánica

A traxectoria da Científica Galega do Ano 2026 representa unha contribución destacada ao coñecemento do océano no sistema climático. Por Fiz Fernández Pérez

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un libro lembra a figura da Científica Galega do Ano

A publicación, producida por GCiencia, presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo como acto inicial da homenaxe