Sábado 20 Abril 2024

A UVigo participa na creación dun consorcio de investigación en electroquímica

Unir a experiencia de dez recoñecidos grupos de investigación de todo o país no contexto das aplicacións ambientais e enerxéticas da tecnoloxía electroquímica. Este é o obxectivo co que se pon en marcha a Red de Aplicaciones Medioambientales y Energéticas de la Tecnología Electroquímica, E3TECH, un novo consorcio de investigación que conta coa participación de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo: Bioenxeñaría e procesos sostibles, Biosuv, e Enxeñaría de Corrosión e Materiais, Encomat. Os seus responsables, os docentes Ángeles Sanromán e Xosé Ramón Novoa, participaron recentemente na Universidad de Castilla La Mancha na reunión de lanzamento da rede, un proxecto que nace ao abeiro da convocatoria de Accións de Dinamización Redes de Excelencia 2015, financiadas polo Ministerio de Economía e Competitividade e dirixidas ao fomento da creación e ao desenvolvemento de redes de investigación mediante o establecemento de sinerxías entre diferentes grupos de investigación, a fin de impulsar actividades de I+D+i e optimizar resultados e recursos.

“O desenvolvemento da rede é crucial para a implementación destas tecnoloxías no sector industrial no noso país, aínda bastante remiso ao emprego deste tipo de solucións tecnolóxicas”, subliña xa de volta en Vigo Ángeles Sanromán, ao tempo que explica que o ámbito de actuación da rede está ligado a sectores produtivos de enorme importancia para a economía española (produción de aluminio, fabricación de baterías, industria cloroalcalina, recubrimentos electrolíticos…) e, se ben ata o de agora non existía ningunha iniciativa similar a esta, a intención é “axudar á transferencia de coñecementos cara ao sector privado”.

Publicidade

Sete universidades e o Instituto Nacional de Carbón (CSIC) participan en E3TECH

A reunión de lanzamento celebrouse na Universidade de Castilla La Mancha, no campus de Ciudad Real, e a ela asistiron investigadoras e investigadores de todas as universidades implicadas (Alicante, Autónoma de Barcelona, Barcelona, Cantabria, Castilla La Mancha, Instituto Nacional de Carbón pertecente ao CSIC , Politécnica de Valencia e Vigo).

“Formar parte desta nova rede permítenos a interacción con outros grupos nacionais que traballan en liñas de investigacións similares e complementarias ás nosas, co cal se establece un marco perfecto para o inicio do intercambio de información e formación, o que, á súa vez, facilitará afrontar retos conxuntos e avanzar máis rapidamente nalgunhas das liñas desenvolvidas na actualidade”, explica Sanromán, ao que Xosé Ramón Novoa, da Escola de Enxeñería Industrial, engade que, a rede significará tamén un medio importante de difusión das actividades de cada un dos grupos, “o que nos permite reforzar relacións nun dos eidos de actividade no que agora estamos máis enfocados: o desenvolvemento de eléctrodos para baterías de ión litio de altas prestacións”.

O labor de cada un dos grupos integrantes deste consorcio será colaborar para alcanzar os obxectivos que ten a rede e que consisten, entre outros aspectos, en buscar sinerxías e facilitar a asociación para a elaboración de proxectos (redes europeas COST, proxectos H2020, accións CYTED con Iberoamérica…); identificar deficiencias e puntos fortes das tecnoloxías electroquímicas para potenciar as actividades de investigación con máis futuro no marco nacional e internacional e, tamén, fomentar unha formación de calidade dos estudantes de mestrado e doutoramento e que facilite a inserción laboral destes profesionais.

A Universidade de Vigo participa cos grupos de investigación Encomat e Biosuv

Nesta primeira reunión avanzaron xa tamén nalgunhas das actuacións concretas a realizar: reunións semestrais de coordinación, estancias de investigación, xornadas formativas, obradoiros, artigos de divulgación…

O grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sustentables, Biosuv, liderado por Ángeles Sanromán, é un equipo multidisciplinar que une os seus coñecementos e esforzos cara ao desenvolvemento de tecnoloxías de aplicación a diversos sectores industriais, abarcando tanto aspectos de deseño, optimización, innovación de procesos químicos, bioquímicos e ambientais. “Aínda que o grupo está formado por máis de 20 investigadores, nove enfocan especificamente o seu labor nas aplicacións ambientais e enerxéticas da tecnoloxía electroquímica”, recalcou Sanromán.

No caso de Encomat, Enxeñaría de Corrosión e Materiais, é un grupo interdisciplinar no que participan profesores das áreas de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica, e Enxeñaría Química, que traballan arredor dun interese común: o estudo dos fenómenos de corrosión, a súa prevención e o seu aproveitamento. “Somos 10 PDI e hai agora mesmo 4 doutorandos e varios alumnos facendo con nós os seus proxectos fin de carreira, grao e máster”, recalcou Nóvoa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos