A Cátedra Valle-Inclán da USC desenvolverá nos vindeiros meses un extenso programa de actos para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán (1866-1936) e que contribuirá a achegar á sociedade a figura do insigne escritor galego. Ademais dunha exposición con fondos propios da Universidade de Santiago haberá un ciclo de conferencias, unha lectura dramatizada e a publicación de diversos volumes.
O programa, que presentou a profesora da USC e directora da Cátedra, Margarita Santos Zas, inaugurarase o venres 28 de outubro no Colexio de Fonseca coa apertura da exposición ‘Valle-Inclán, Xenio e figura (1866-1936)’, que permanecerá aberta ata o 16 de decembro. Ese día ademais comezará o ciclo de conferencias coa intervención no Salón Nobre do profesor Jean François Botrel, catedrático da Universidade de Rennes, sobre ‘O libro en España en tempos de Valle-Inclán’.
‘Valle-Inclán: xenio e figura (1866-1936)’ ofrece un triplo percorrido no tempo, que abrangue tanto a figura como a obra do escritor: Valle-Inclán, obra ilustrada; Caricaturas e retratos; eValle-Inclán, traducido, realizadas con fondos bibliográficos e documentais da USC e do Grupo de Investigación Valle-Inclán. Como comisarios, Margarita Santos Zas e Francisca Martínez Rodríguez (Sección I), Javier Serrano Alonso e Amparo de Juan (Sección II) e Rosario Mascato Rey (Sección III).
A mostra reúne preto de 170 edicións publicadas ao longo da vida do autor vilanovés, acompañadas dunha escolma -máis de 1.000 imaxes dixitais– dos seus deseños gráficos orixinais (tipografías, motivos ornamentais, ilustracións…), que constitúen un dos expoñentes da renovación das artes do libro no primeiro terzo do século XX e que Valle-Inclán liderou.
Paralelamente, máis de 200 caricaturas e retratos de Valle-Inclán publicados na prensa contemporánea polos mellores debuxantes e pintores do primeiro tercio do século XX; e, finalmente, a terceira sección promovida polo Consello da Cultura Galega, Valle Inclán traducido, ofrece a proxección internacional do autor no seu tempo a través das súas traducións a diversas linguas -boa parte delas descoñecidas-, desde o francés, italiano, portugués ou inglés ao sueco, húngaro, finlandés ou ruso.
A exposición acompáñase dun catálogo das tres seccións, cos seus correspondentes estudios introdutorios, que contén 880 imaxes da propia exposición e outras que se mostran por vez primeira. Como novidade, cada sección achega novos materiais: na I e II un panel de gravados e debuxos orixinais do Legado Valle-Inclán Alsina, e, por último, un apéndice de caricaturas e retratos que case duplica o número exposto.
Ciclo de conferencias
O ciclo de conferencias que comeza o propio día da inauguración da mostra con Botrel continuará o 11 de novembro co relatorio de Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente de Amigos de Valle-Inclán, sobre o deseño e as variantes do texto. En novembro intervirá Enrico Lodi, da Universidade de Bergamo, coa conferencia ‘Traducir La media noche de Valle-Inclán: cuestións de estilo’ e Jesús Rubio Jiménez, da Universidade de Zaragoza, con ‘Ángel Vivanco e Ramón del Valle-Inclán: as artes do libro’.
Xa en decembro será a quenda de Jaume Capdevila, de La Vanguardia, co relatorio ‘O esperpento gráfico. Breve historia da caricatura con Valle-Inclán ao fondo’, e clausurará o ciclo o 16 de decembro o profesor da USC José Manuel López Vázquez cunha conferencia sobre os retratos e caricaturas de Valle-Inclán. Ese mesmo día pola mañá en Filoloxía desenvolverase ademais a mesa redonda ‘Traducir a Valle-Inclán’.
No 2017 será público na rede o Arquivo Valle-Inclán da USC con 80.000 imaxes
Un dos actos máis interesantes do programa, que terá lugar o 8 de novembro no Auditorio de Galicia, será a dramatización de La media noche. O Teatro de La Abadía é o creador deste espectáculo, con música e imaxes, que pon na escena o director deste centro de estudos e de creación escénica, José Luis Gómez. Trátase dunha montaxe baseada en La media noche(1917), unha obra profundamente innovadora que versa sobre I Guerra Mundial. Fará a súa presentación o profesor da USC e director da Real Academia Española, Darío Villanueva.
Parello a todas estas actividades, existe un importante proxecto editorial que comeza coa publicación pola Biblioteca da Cátedra de dúas edicións de manuscritos inéditos do escritor galego: Con el alba, El Cuaderno de Francia (xa editado) e La media Noche. Visión estelar de un momento de guerra. Ademais, a Biblioteca Castro da Fundación José Antonio de Castro editará a obra completa de Valle-Inclán en cinco volumes e Alianza Editorial fará o propio cunha serie de obras escollidas. Completa este proxecto o Anuario Valle-Inclán (2016), cunha homenaxe a La Lámpara Maravillosa no seu centenario.
Por outra banda, para favorecer o acceso ao legado Valle-Inclán o grupo de investigación e a cátedra teñen previsto poñer en aberto na rede en 2017 o Arquivo Dixital do Grupo Valle-Inclán USC, que contén todo o seu fondo documental impreso e bibliográfico, con 80.000 imaxes dixitais.
Todo este programa está patrocinado pola Universidade de Santiago, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Lugo.