Venres 29 Marzo 2024

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

A porta aberta polo Parlamento Europeo á revisión —flexibilidade e rebaixa—  do actual status de protección do lobo (Canis lupus) na Unión Europea (UE) sitúa, unha vez máis, a esta especie no ollo do furacán. A Comisión Europea abriu un prazo, que finaliza o próximo 22 de setembro, para que os estados, comunidades científicas, grupos ambientalistas ou calquera parte interesada envíen información sobre as poboacións de lobos, o seu impacto no mundo rural —gandería, agricultura, actividade cinexética…— e na seguridade das persoas. A información recibida será valorada para tomar unha decisión.

“É unha mala noticia, é un paso atrás na UE, que responde a presións de poderosos lobbies que cuestionan, desde hai anos, iniciativas de defensa ambiental”, sinala Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. A SGHN non gardará silencio e insistirá diante de Bruxelas na necesidade de apostar por directivas como as da auga, hábitats etc., “por todas as que marcan a calidade de vida das persoas e a saúde do planeta”.

Publicidade

Declaracións como as da presidenta da CE, Ursula Von Der Leyen, alertando de que a “as poboacións de lobos nalgunhas rexións europeas convertéronse nun problema real para o gando” e “nun potencial risco para as persoas” fan temer a grupos ecoloxistas como SGHN, Ecoloxistas en Acción ou, WWF, unha “viraxe” na política ambiental europea que hipotecaría, un pouco máis, o futuro do planeta.

“É unha falsa polémica, a normativa xa contempla o control das poboacións de lobos e a autorización de batidas, en casos excepcionais e de interese público”

SERAFÍN GONZÁLEZ presidente da SGHN

Son alertas, indican sectores ambientalistas, que profundan nos prexuízos, na lenda negra do lobo como un animal feroz, perigoso e impredicible, como a encarnación do mal e obvia o papel vital que xoga na cadea trófica e os beneficios e servizos eco-sistémicos que presta.

A supervivencia do Canis lupus rexistrou o seu momento máis crítico na década dos 80 do século XX, desde entón constátase unha lixeira recuperación e a recolonización dalgunhas zonas do territorio español, entre elas Galicia, tal como recolle un estudo liderado polo investigador do CSIC Miguel Clavero e publicado en Animal Conservation.

Serafín González teno claro “o lobo é de todos, é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago e hai que protexelo”.

Rexistro de mandas

Cando falamos da proliferación de cantos lobos falamos? Conforme ao segundo e ata o de agora último rexistro do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) —o  censo 2012-2014, que está en proceso de actualización—  en España hai  297 mandas, concentradas na súa práctica totalidade no noroeste peninsular: Galicia (84) Castela-León (179) Asturias (37) e Cantabria (12). 

Pola súa banda, a Xunta, que elabora o seu propio censo do lobo ibérico, cifra en 93 o número de mandas reprodutoras que hai no noso territorio (datos de 2021-2022), tres máis que as rexistradas no período 2013-2015, o que viría confirmar “o bo estado do lobo en Galicia”, en palabras da directora xeral de Patrimonio Natural, quen recentemente fixo público o avance do novo reconto.

“É unha falsa polémica, a directiva europea, do mesmo xeito que a nosa lexislación, xa contempla o control das poboacións de lobos e a autorización de batidas, en casos excepcionais e de interese público”, subliña o presidente da SGHN.

Hoxe en día, os danos económicos que producen os lobos en Galicia “son pequenos en valores absolutos, aínda que poden chegar a ser insoportables para os gandeiros se teñen que asumilos sós”, sinala Serafín González, quen avoga por axilizar a valoración dos danos e a concesión de axudas públicas para compensar as perdas que poidan causar e, deste modo, evitar unha conflitividade social que sinala o lobo como un inimigo a combater. “O patrimonio natural, lobo incluído, temos que conservalo entre todos”, conclúe. 

O censo actualizado da Xunta (2021-2022) cifra en 93 as mandas de lobo ibérico en Galicia

Ata doce países da UE xa se pronunciaron, por escrito, en contra de rebaixar a protección do lobo, entre eles España, que incluíu esta especie no LESPRE (Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial) no ano 2021, dando cumprimento a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a convenios internacionais sobre biodiversidade como os Directiva Hábitats, CITES ou o convenio de Berna. Os outros once países son: Eslovaquia, Bulgaria, Alemaña, Grecia, Irlanda, Chipre, Luxemburgo, Austria, Portugal, Romanía e Eslovenia.

A lide política sobre a xestión do lobo non se circunscribe ao ámbito comunitario está espallada por toda Europa. Sen ir máis lonxe, a protección do lobo amparada pola legalidade española está contestada polas comunidades autónomas do noroeste peninsular nas que a presenza desta especie é máis numerosa: Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.

  1. En Galiza os lobos non contan con depredadores naturais e , xa que logo tén que ser o home o que se encargue de manter o equilibrio . As autoridades deberán pois regular axeitadamente esta tarefa .

  2. Estamos sempre no mesmo ….
    Se queremos que os habitantes do rural
    non morran de asco hai que permitir un control axeitado dos animais selvaxes .
    O lobo e incluso o xabaril e mesmo o corzo deben estar controlados axeitadamente e deixarse de lendas negras e outras cousas que non son deste tempo .

    • Hai unha caste de ecoloxistas que apenas lle interesan os seres humanos e non queren darse conta que existen incompatiblidades para compartir territorios entre por exemplo lobos e humanos …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Para que divulgar ciencia e, ademais, en galego?

Nunha charla sobre a mina de ouro de Corcoesto decateime de que a mellor maneira de chegar ao público era a través do exemplo

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

As luces e sombras dos eólicos mariños en Galicia: “É un escenario complexo e incerto”

Os expertos demandan máis estudos para analizar o impacto sobre as aves, os cetáceos, as correntes e a actividade pesqueira

Os expertos alertan dunha “dramática perda” de zonas húmidas en toda Galicia

O último inventario data de 2003 e incluíanse máis de 1.100 destes espazos naturais, dos que tan só cinco están protexidos internacionalmente