Dentro da gran riqueza e variedades de uva que existen, hai algunhas antigas, pouco coñecidas ou en vías de extinción, pero que aínda se manteñen cultivadas nalgunhas adegas. As variedades minoritarias, aquelas que ocupan menos do 0,02 % da superficie total de viñedo dun país, requiren dun coidado especial para non desapareceren. Agora, a iniciativa On-Farm, que une a 17 grupos de investigación de 10 países europeos, entre eles un da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do CSIC, propón a creación dunha base de datos destas variedades.
“A proposta incide en que o máis eficaz para preservar este material único e que forma parte do patrimonio agrario e cultural de distintas zonas europeas é que as adegas aposten polo cultivo destas variedades e elaboren con elas viños especiais e de alta calidade”, explica Carmen Martínez, directora do Grupo de Viticultura da MBG.
Para incluír unha variedade neste rexistro, é imprescindible que un grupo de investigación especializado na caracterización de variedades de vide, garanta a identidade varietal e a existencia do seu cultivo nos viñedos da adega en cuestión. As adegas rexistradas poderían utilizar un selo distintivo que as identifique como conservadoras dalgunha destas variedades minoritarias.
Da man da MBG entraron en On- Farm as seguintes adegas e variedades: Na denominación de Orixe Rías Baixas, as adegas Pazo de Galegos coa variedade Cascón, Terras Gauda con Caíño Blanco e Loureiro Blanco, Valmiñor con Castañal e Caíño Tinto e Viña Moraima con Ratiño. Na D.O asturiana Cangas, a adega Vítheras coas variedades Albarín Blanco, Albarín Negro, Carrasquín, Moscatel de Gran Miúdo Vermello e Verdejo Negro. Por último, o viticultor José Enrique Pérez coa variedade Albarello no tamén D.O. Ribeira Sacra.
A iniciativa foi presentada por vez primeira na International Conference on Grapevine Breeding and Genetics que tivo lugar en Burdeos en xullo de 2018, organizada pola International Society for Horticural Science (ISHS) e que se reflectiu recentemente na revista científica Acta Horticulturae, figurando como coautores científicos de Albania, Austria, Francia, Croacia, Alemaña, Italia, Portugal, Serbia, Montenegro e España.
Esta iniciativa lembra que este tipo de variedades de vide representan un enorme valor con respecto ao patrimonio agrario e cultural, a adaptación ás condicións ecolóxicas, a diversificación de produtos e a comercialización de especialidades cun maior beneficio económico, accións todas elas incluídas entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) establecidos pola comunidade mundial para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable.
Os traballos e investigacións realizados tamén se inclúen no Programa Cooperativo Europeo de Recursos Fitoxenéticos (ECPGR), cuxas accións prioritarias na preservación de recursos xenéticos son aplicables tamén á vide. Estas abarcan desde o inventariado de viñedos á definición de categorías de ameazas nas que se atopan as variedades (en perigo, perigo crítico, vulnerables,…) e a superación de obstáculos que permitan o cultivo de variedades raras, pouco coñecidas ou antigas.
Na mesma liña, os investigadores lembran que nas dúas últimas décadas o interese por de este tipo de cultivos aumentou considerablemente. De feito, os expertos destacaron o rexurdir de variedades de uva minoritarias, algunhas delas esquecidas ou mesmo en perigo de extinción, promovendo o seu uso por parte de adegas e viticultores. Produtores e consumidores mostran cada vez máis interese, non só por gozar dun bo viño, senón por coñecer a historia que hai detrás, a orixe xeográfica e xenética das variedades, etc.
Referencia: Preservation via utilization: minor grape cultivars on-farm (Publicado en Acta Horticulturae).