Namibia, como o resto de África, é un lugar enorme e cheo de matices. Apenas dous millóns de habitantes espállanse nunha superficie tan grande como a suma das de España, Portugal e Italia. Alí traballa desde hai tres anos e medio o galego Rubén Portas, elaborando o censo do animal máis veloz do mundo, o guepardo.
A traxectoria profesional de Rubén está ligada desde os seus comezos á conservación da natureza, vinculado a varias asociacións neste eido. Cando era cativo, emigrou coa familia a Suíza, pero aos 15 anos regresou a Galicia. Formouse como técnico forestal, e coñeceu o territorio traballando varios anos nas brigadas contraincendios, e desenvolveu un proxecto de educación ambiental sobre o lobo en colexios de Pontevedra e Ourense. Tamén axudou a recoller mostras para unha tese de doutoramento en Doñana. “Un pouco aquí e alá, procurando estar sempre divulgando a necesidade de investigar para conservar”, sintetiza Rubén.
Leva desde 2013 traballando no país, onde chegou como voluntario
En 2013, xorde a oportunidade de viaxar a Namibia. Naquel momento, acababa de estar en Eslovenia nun proxecto sobre grandes mamíferos. “Un amigo faloume sobre o Proxecto Guepardo, do Instituto Leibniz de Berlín, que leva desde 2002 traballando en Namibia. Enviei a solicitude para ser admitido como voluntario durante a campaña de captura e aceptáronme”. O 10 de setembro de 2013 chegou ao país. Tras dúas semanas de formación, pasou tres meses “controlando e colocando trampas, equipos de fototrampeo e facendo o traballo de campo diario”. Capturaron 29 guepardos e melloraron o método de captura. “O meu supervisor tiña interese en que eu volverá, e no meu último día no país tivemos noticia de que o Ministerio de Medio Ambiente e Turismo decidira iniciar unha colaboración co proxecto para realizar un censo de guepardo ao largo de todo o país”. Así que, grazas a aquel proxecto, Rubén conseguiu unha praza como investigador. Unha vez establecido, tamén aproveitou para iniciar unha diplomatura en Conservación da Natureza na Universidade de Ciencia e Tecnoloxía de Namibia, que actualmente está finalizando.
Este galego dedícase, por tanto, a buscar e levar a conta do número de guepardos que hai no país, capturando e marcando os exemplares que atopa. Durante gran parte do tempo, Rubén traballa en zonas remotas, coa única compañía dun teléfono satélite e o un todoterreno. O resto do equipo do proxecto traballa no centro do país, onde investigan, entre outros temas, a ecoloxía espacial, a inmunoloxía, a reprodución e a dieta destes animais.

Para localizar aos guepardos, Rubén mantén unha fluída relación coa poboación local para atopar indicios da presenza dalgún exemplar. “Unha vez que os capturamos, colócase un colar con GPS, tomamos mostras de sangue e tecido e rexistramos toda a información precisa”. Explica que a inmovilización dura uns 40 minutos, “despois da cal se lle administra un antídoto ao guepardo, que esperta nunha gaiola acolchada para analizar a súa recuperación e ser posteriormente devolto ao medio natural”. Toda esa información nutre unha base de datos da que se alimenta a investigación.
Neste tempo, Rubén traballou en todo tipo de paisaxes. “Hai desertos, bosques, sabana e humais, e todo está ben conservado”. Sostén que, xunto a Botswana, Namibia “é o máis recomendable destino para facer safari no sur de África. Os atardeceres son inigualables, as paisaxes espléndidas”, con lugares como o deserto do Namib, os parques nacionais de Etosha e Khaudum e a famosa Costa dos Esqueletos, así chamada polos numerosos barcos naufragados nas súas augas.
“A conservación da natureza está asumida na Constitución de Namibia”
Sinala Rubén que a política ambiental de Namibia é moi reseñable. “Está prohibida por lei a plantación de especies exóticas, sexa cal sexa o fin, e a conservación da natureza está asumida na constitución dende que se fundou o país”. Engade que “o Ministerio de Medio ambiente é transparente nas súas politicas de conservación e decisións e reune aos diferentes sectores a sentarse en mesas redondas para discutir temas variados e tan sensibles como o conflicto entre a fauna (carnivoros e elefantes) e seres humanos. A preocupación e o interese por evitar o conflicto coa fauna é maior que en Europa xa que non hai pagos e fai que os agricultores e gandeiros adopten medidas, como valados electrificados e gardar o gando”.
Todo isto, a pesar de que alí habitan grandes carnívoros como o león, leopardo, guepardo, hiena parda, a hiena manchada e o licaón, e outros máis pequenos como o caracal, o serval e o chacal. “Afrontan este conflito con moitos menos cartos que en Europa e a tolerancia e o respecto cara a fauna silvestre é moito maior”.
Unha situación que contrasta, segundo Rubén, cunha política que en Galicia “deixa moito que desexar”. Expón que “a maioría dos plans de recuperación das especies ameazadas están sen redactar, o mesmo para os plans de xestión de zonas protexidas e os que están redactados non se aplican en moitos casos”. Na súa opinión, en Galicia existe unha “deixadez absoluta”, e que só se cumpre a normativa “imposta por leis europeas”. Conclúe que “a conservación da natureza non é unha prioridade nin un interés”.