Ermeloíta. Ese é o nome que recibe un novo mineral descuberto por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O equipo recolleu mostras no Monte Ermelo, en Moaña, e agora revélanse os primeiros resultados. Segundo as primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional. Trátase, así, dun achado a nivel mundial.
“En Galicia descubríronse, ao longo da historia, tres minerais”, sinala Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC. “Trátase da morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX”, engade. A ermeloíta pasa a ser o cuarto mineral descuberto en Galicia e xa está oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association (IMA) como nova especie, sendo a súa localidade tipo o Monte Ermelo e o exemplar tipo o analizado dende a USC.
Trátase do cuarto mineral descuberto en Galicia e xa é considerado unha nova especie
Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análise Rietveld, entre outras; alén de realizar unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración cos investigadores José González del Tánago e Ramón Jiménez Martínez da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España -CSIC, respectivamente.
Repercusións históricas
“Este descubrimento ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron dende Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no eido da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica”, continúa Lantes Suárez. “Cientificamente, a aparición deste novo mineral supón incrementar a listaxe de minerais descubertos nun contexto planetario e axudará a entender mellor as paraxéneses de minerais pegmatíticos secundarios e as súas condicións de formación”, matiza.
O fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, se ben non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo.
A aparencia do mineral é masiva, microgranular e de ton case branco. Por estas características pasa desapercibido dentro dos corpos pegmatíticos e é facilmente confundible a nivel macroscópico con plaxioclasas ou outros minerais de cores claras. A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da Kieserita e que cristaliza como monoclínico C2/c.
Exposición en Fonseca
A área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural (MHN) da USC desenvolven investigación mineralóxica desde hai máis de 20 anos estudando as propias coleccións do MHN e a colección científica de minerais da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT). Parte deste traballo, culmina coa aparición do novo mineral. De feito, este ano, solicitouse ao Consello Social da institución compostelá un proxecto para divulgar ciencia mineralóxica baixo o lema ‘Minerais – ver o invisible’, coordinado por Oscar Lantes Suárez e Marcos Andrés González, director do MHN. 2022 constitúe o Ano Mineralóxico Internacional dedicado a René Haüy, pai da Mineraloxía e a Cristalografía, e o propio Museo conserva a colección orixinal de modelos cristalográficos elaborados por Haüy.
A concesión deste proxecto permitirá realizar entre 2022 e 2023 diferentes obradoiros, charlas, ou visitas de campo. Proximamente comezarán os Obradoiros Mineralóxicos organizados ao abeiro deste proxecto e que terán lugar no Museo de Historia Natural en diferentes sábados pola mañá ao longo dos anos 2022 e 2023. O primeiro obradoiro será ‘As propiedades dos minerais’, impartido polo xeólogo Francisco Canosa.
Ademais, o exemplar tipo da ermeloíta será exposto no verán de 2023, dentro dunha exposición mineralóxica que se levará a cabo no Colexio de Fonseca e, posteriormente, será depositado de forma permanente no Museo de Historia Natural (MHN) da USC, organismo responsable da súa custodia. Na actualidade, dende a Área de Infraestruturas de Investigación e o MHN continúase investigando sobre minerais singulares e especies pouco frecuentes.