Unha tese da UVigo analiza os niveis de mercurio nos podzois

A científica Antía Gómez estudou o importante papel destes solos, propios de climas atlánticos e continentais, no ciclo terrestre do metal pesado

Os solos, indica a investigadora da UVigo Antía Gómez, constitúen o principal reservorio global de mercurio nos ecosistemas terrestres e, en particular, os solos forestais acumulan ata o 75% de todo este metal presente na biosfera. Polo tanto, o seu papel é chave na mobilización de mercurio cara ecosistemas terrestres e para a súa aparición nos sistemas acuáticos. O quecemento global e os cambios nas emisións deste metal e nos usos do terreo, engade, contribúen á incerteza sobre a estabilidade do mercurio almacenado nos solos e a súa posible transformación a metil-mercurio, altamente tóxico. Tendo en conta esta relevancia, na súa tese de doutoramento a xa doutora analizou o comportamento bioxeoquímico do mercurio en podzois (solos de cor cincenta típicos do clima atlántico ou continental), de zonas forestais cuxa litoloxía non está enriquecida neste metal nin afectada por fontes puntuais.

Realizada no marco das liñas de investigación do grupo Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos (BV1) da UVigo, a tese foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense co titulo Presence, distribution and accumulation of Hg in podzolic soils: environmental implications in terrestrial ecosystems e estivo dirixida polos doutores Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias. A pesar da acumulación preferencial de mercurio nas capas superficiais dos solos (ata 30-50 cm), detalla Antía Gómez, existen certos tipos de solos que amosan picos de concentración de mercurio en capas máis profundas, como é o caso dos podzois e, por extensión, dos solos podzólicos, “nos cales os procesos edafoxenéticos dominantes conducen a unha migración en profundidade de materia orgánica disoluta, compostos de aluminio e ferro, así como diferentes substancias e contaminantes asociados, como é o caso do mercurio”. Por tanto, sinala esta egresada en Ciencias Ambientais, “os solos podzólicos, que cobren unha superficie global de aproximadamente 485 millóns de hectáreas, poden chegar a constituír un importante reservorio de mercurio a nivel subsuperficial, xogando un papel fundamental no ciclo bioxeoquímico deste metal en ecosistemas terrestres”.

Publicidade

Traballo de campo nunha área de podzois da serra do Xistral (Lugo). Foto: Duvi.
Traballo de campo nunha área de podzois da serra do Xistral (Lugo). Foto: Duvi.

Na súa tese de doutoramento, a investigadora da Área de Edafoloxía e Química Agrícola analizou o contido, a distribución e a acumulación de mercurio nunha serie de solos podzólicos e podzois seleccionados de varias áreas de Portugal, noroeste de España e sur de Arxentina, co fin de establecer patróns comúns en relación á concentración, distribución e almacenamento coa profundidade nos solos. Ademais, identificou as principais características físico-químicas e procesos edafoxenéticos que contribúen ao comportamento do mercurio observado neses solos e avaliou a contribución da vexetación senescente (litterfall) á transferencia deste metal pesado a un solo de carballeira.

Os resultados obtidos na investigación desenvolvida, indica a súa autora, “contribúen a demostrar a capacidade dos solos forestais para actuar como sumidoiros de mercurio, sendo capaces de reter ese metal a longo prazo”. Ademais, engade, “tamén se demostrou o papel importante que desempeñan os podzois e solos podzólicos no ciclo terrestre do mercurio”. Segundo explica a investigadora da UVigo, desde o punto de vista ambiental, a mobilización en profundidade que ten lugar neles contribúe a diminuír a acumulación de mercurio en horizontes superficiais, constituíndo así un proceso natural de ‘self-cleaning’ e cumprindo unha función ‘detoxificante‘. “Ademais, a retención deste metal pesado nos horizontes iluviais destes solos evita a súa migración cara capas máis profundas ou mesmo a augas subsuperficiais, onde podería ser transformado en metil-mercurio, causando un serio risco para a biota ou mesmo a saúde humana”, afirma.

Publicidade

Os elevados valores do reservorio de mercurio atopados nos solos estudados, especialmente nos horizontes iluviais, confirman segundo indica Antía Gómez, a súa habilidade de reter grandes cantidades deste metal, apartándoo temporalmente da circulación actual de mercurio e decrecendo o seu potencial de ser transportado a outros compartimentos ambientais, onde a súa presenza podería ser máis daniña.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

Mercurio, Venus e Xúpiter forman un desfile planetario que poderás ver esta semana sen telescopio

Producirase unha conxunción entre Venus e Xúpiter e, uns días despois, o primeiro planeta do sistema solar estará visible xunto a eles

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras