Xoves 18 Abril 2024

Unha tese constata o risco de extinción de dúas especies de libélula en Galicia

A “destrución ou fragmentación” do hábitat no que vive unha determinada especie constitúe “a principal causa de perda de biodiversidade” no actual contexto de cambio climático, segundo destaca o investigador Genaro da Silva, quen centrou a súa tese de doutoramento no estudo e caracterización de dúas especies de libélula protexidas pola directiva europea Hábitats, Macromia splendens e Oxygastra curtisii, e en como estas fan fronte á perda dos seus espazos naturais. A través do estudo xenético destas especies, que permite coñecer o grao de conexión entre distintas poboacións, este biólogo e enxeñeiro forestal puido constatar “leves diferenzas xenéticas” que amosan un certo illamento das diferentes subpoboacións, motivada pola menor “capacidade de dispersión”, de intercambio de individuos con outra subpoboacións, destas dúas especies propias de zonas de río, o que, sinala, implica un “maior risco de extinción”.

O estudo atopou “leves diferenzas xenéticas” que amosan un illamento das diversas subopoboacións

Dirixida polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, a tese Conservación e manexo de odonatos ameazados. Ecoloxía, xenética poboacional e dispersión parte do feito de que “os traballos de conservación da biodiversidade precisan de coñecementos moi diversos, particularmente en grupos con ciclos complexos”, como aquel no que se engloba a libélula, que teñen unha fase larvaria acuática e outra adulta voadora. De aí que “os requerimentos de hábitat para cada unha destas etapas condicionan a supervivencia das poboacións”, polo que o grao de conservación dos seus hábitats naturais será un factor determinante na súa supervivencia, pero tamén a “conectividade” entre subpoboacións, a capacidade, nun contexto de fragmentación, de evitar ese illamento, que pode levar, por outra banda, que unha poboación que ficou illada comece “por deriva xenética a separarse das outras poboacións”, explica o investigador.

Publicidade

A investigación de Genaro da Silva Méndez abrangueu o estudo dos hábitats destas dúas especies, xunto ao doutras dúas, Gomphus simillimus e Onychogomphus uncatus. Como explica o investigador, tanto a Macromia splendens como a Oxygastra curtiisi viven en “tramos de ríos lentos e anchos, cun bo bosque de ribeira”. A primeira, explica, é unha especie endémica da península Ibérica e de Francia, catalogada como vulnerable pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), que é “máis propia de áreas mediterráneas”, pero que pode atoparse tamén nos ríos do sur de Galicia. Tamén no sur da comunidade pode atoparse a Oxygastra curtisii, unha especie só presente no suroeste de Europa e en Marrocos, catalogada como “case ameazada” pola IUCN e considerada “rara porque os porque os seus parentes máis próximos están en América do Sur ou no Sueste Asiático”.

Libélula da especie 'Macromia splendens'. Foto: Genaro da Silva.
Libélula da especie ‘Macromia splendens’. Foto: Genaro da Silva.

Ambas, explica da Silva, son propias de ríos, o que inflúe negativamente na súa “capacidade de migración”, que vén determinada tamén polo tipo de hábitat, como puido constatar no seu estudo, no que demostra como as libélulas propias de zonas de charcas teñen unha “vantaxe adaptativa” fronte as que, engade, “evolucionaron en hábitats máis estables, nos que unha mellor capacidade de dispersión non implicaría un maior éxito reprodutivo”.

Os estudos xenéticos realizados destas dúas especies permiten coñecer a “estruturación das súas poboacións”, marcada por un “certo grao de diferenciación”, maior no caso da Macromia splendens, “aínda que non demasiado elevado”. Como da Silva puido observar, existen diferenzas xenéticas nesta especie entre as poboacións do noroeste peninsular, as do sur e as de Cataluña, mentres que no caso da Oxygastra “hai unha separación entre as poboacións peninsulares e as francesas e italiana”.

Así mesmo a tese de da Silva tamén propón melloras na metodoloxía de traballo de campo para o estudo destas especies, por exemplo, no xeito de realizar a recollida de exuvias, o exeoesqueleto da larva que fica nas marxes das masas de auga despois de que mude en adulta, así como novos marcadores xenéticos a empregar no estudo de estruturas poboacionais. Por outra banda, os datos obtidos das tres especies protexidas serviron tamén ao grupo de investigación EcoEvo, que coordina Cordero, no informe elaborado para a Xunta de Galicia co propósito de que sirva como base para a redacción do plan de conservación destes insectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

Criaturas fantásticas e onde atopalas: así son as lesmas de mar en Galicia

Un grupo de científicos galegos vén de publicar un libro que analiza 120 nudibranquios tras 10 anos de investigación

A UVigo buscará solucións para a perda da biodiversidade mariña e costeira

Investigadores do grupo Future Oceans Lab participan nun proxecto europeo que actualizará as ferramentas e coñecementos para facer fronte a este problema