O sector pesqueiro galego xa percibe os efectos do cambio climático

Un grupo de investigación da UVigo identifica estratexias de adaptación e alerta sobre as implicacións da redistribución de especies

O proxecto Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros chega o seu fin logo de seis anos de actividade, nos que o grupo de investigación Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo), dirixido por Elena Ojea, afondou no coñecemento científico sobre a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático desde unha perspectiva socio-ecolóxica. “O balance é moi positivo, xa que Clock, ademais de que nos permitiu fundar o noso propio grupo de investigación, Future Oceans Lab, tamén fixo posible que desenvolvésemos casos de estudo en profundidade, como a adaptación do sector pesqueiro artesanal en Galicia e en Nayarit (México), ou do sector de túnidos tropicais do País Vasco”, explica Elena Ojea.

O proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC) identificou ao longo destes anos rutas de adaptación, maladaptación (ou malas prácticas) e proporcionou información sólida para a toma de decisións. Os principais resultados de Clock amosan que o sector xa percibe os efectos do cambio climático en Galicia, que está a ameazar o funcionamento dos ecosistemas mariños, onde aparecen novas especies ou cambios nos hábitats. “Isto impacta na actividade pesqueira, producindo cambios nas capturas, maiores riscos no mar, maior custo da actividade”, detalla a investigadora de Future Oceans Lab, que tamén destaca que estes impactos chegan aos sistemas sociais en forma de incremento da vulnerabilidade do sector, así como perda no capital social e na tradición. 

Publicidade

Un sector que segue “un camiño de adaptación” 

As investigacións realizadas ao abeiro do proxecto Clock, que nalgúns casos foron lideradas por alumnado de doutoramento, permitiron chegar a outras conclusións como que de maneira xeral, ante os impactos negativos nas capturas, a meirande parte dos pescadores e pescadoras, así como das mariscadoras, seguen “un camiño de adaptación” no que pasan de adaptarse a transformarse e abandonar o sector conforme os impactos aumentan. “Nestes casos, a maior parte dos pescadores escollen estratexias de diversificación de recursos e de artes. Cómpre destacar tamén que a maior parte das persoas dedicadas ao sector pesqueiro están orgullosas do seu traballo e senten unha gran responsabilidade para traballar pola conservación do medio mariño e na sostibilidade do recurso”, razón pola que, segundo Elena Ojea, reclaman da administración e dos científicos accións que lles permitan continuar co seu traballo.

“Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”

ELENA OJEA, directora do grupo Future Oceans Lab

Aínda que a pandemia obrigou a cambiar unha das zonas de estudo e pedir un prórroga dun ano para facer a investigación prevista en Nayarit, “que está sendo un éxito”, o proxecto cumpriu cos obxectivos fixados inicialmente. “Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”, sinala Elena Ojea, que tamén destaca o impacto acadado polo proxecto na toma de decisións, tanto a nivel nacional, como internacional, como a participación no informe do IPC sobre cambio climático e en iniciativas como o Panel de Alto Nivel para a Economía Sostible dos Océanos.

Publicidade

Boa disposición das institucións galegas e vascas e transferencia de resultados

Dado que o proxecto pretendía desenvolver un marco de traballo conceptual para a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático, escolléronse diferentes sistemas de pesca, que permitiran unha perspectiva rexional e global: un sistema artesanal, que é o caso de Galicia e Nayarit e un sistema de pesca industrial, como o dos túnidos tropicais do País Vasco.

“Temos que agradecer a boa dispoñibilidade ofrecida polas institucións galegas e vascas. Cando contactamos con elas sempre se mostraron dispostas a axudar e facilitar o noso traballo na medida do posible. No caso do País Vasco fixemos un libro divulgativo que se lles regalou aos participantes e nos outros dous escenarios fixemos obradoiros presenciais onde Diego Salgueiro, en Galicia, e Xochitl Elías, en México, presentaron aos pescadores os nosos resultados e recolleron o sentir do sector”, detalla a responsable de Future Oceans Lab, que considera esta unha fase especialmente gratificante.

O pasado venres foi celebrada a presentación dos resultados do proxecto Clock evento na Federación Galega de Cofradías, acto no que tamén participaron representantes da Xunta de Galicia. Ademais, o proxecto tamén tranferirá os seus resultados a través dunha proba concepto, na que xa se está a traballar, que permitirá trasladar os resultados científicos á sociedade.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas