Un novo protocolo para medir a contaminación mediante as algas

A tese de Rita García Seoane, presentada na USC, contribúe a mellorar os sistemas de medición de metais pesados

A investigadora Rita García Seoane, pertencente á agrupación Cretus da USC, presentou recentemente na súa tese de doutoramento unha nova proposta sobre a potencialidade das macroalgas para o seguimento e control da contaminación, alén de afondar na mellora e definición de novos métodos para a súa aplicabilidade. A análise das algas é unha técnica que vén empregándose dende hai máis de medio século para proporcionar unha estima realista do impacto de certos contaminantes no medio acuático. Porén, na actualidade aínda se detecta a carencia de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas.

“Dado que a contaminación por metais, metaloides e nutrientes provoca unha degradación constante dos ecosistemas costeiros e mariños, a vixilancia e a avaliación da calidade do medio están a converterse nunha prioridade a nivel mundial, con medidas e estratexias lexislativas para mitigar o impacto da contaminación, así como protexer e conservar os ecosistemas”, sinala a bióloga. “A análise das algas proporciona unha estima realista do impacto deses contaminantes no medio acuático, pois moitos deles son persistentes e poden ser tóxicos e susceptibles de biomagnificarse nas cadeas tróficas” apunta.

Publicidade

Unha das principais razóns polas que as algas aínda non están incluídas en programas de monitoraxe ambiental é a falta de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas. “Diferentes autores levan empregando unha ampla variedade de métodos, a inmensa maioría pouco consensuados e sen criterio científico”, explica García Seoane. Neste senso, o obxectivo primordial do estudo consistiu na realización dunha avaliación exhaustiva dos aspectos básicos da metodoloxía empregada nos estudos de monitoraxe de contaminantes utilizando macroalgas, a fin de fomentar o uso destes organismos en estudos extensivos regulados pola lexislación medioambiental vixente.

Traballo de campo da investigación. Foto: USC.
Traballo de campo da investigación. Foto: USC.

Aqueles aspectos metodolóxicos fundamentais para o bo desenvolvemento desta práctica foron tratados realizando estudos experimentais a través do emprego da alga parda Fucus vesiculosus, considerada unha especie modelo en biomonitoraxe amplamente estendida nas costas do Atlántico Norte. Así, a partir dos resultados obtidos, achégase un protocolo estandarizado e ofrécense orientacións para garantir a calidade dos resultados logrados neste tipo de estudos. As achegas de Rita García Seoane permitiron estandarizar algúns aspectos metodolóxicos importantes para facilitar a aplicabilidade desta técnica, como por exemplo, aqueles relacionados coa recolección e procesado das mostras.

Publicidade

Os resultados desta investigación, froito da tese de García Seoane, publicáronse en diversas revistas científicas de alto impacto como Science of the Total Environment, Environmental Pollution ou Ecological Indicators. No marco da investigación, Rita García Seoane tamén levou a cabo colaboracións con outros centros de investigación internacionais como a University of South Florida nos Estados Unidos e o Okinawa Institute of Science and Technology Graduate University de Xapón, onde realizou cadansúa estancia de investigación en 2017 e 2018, respectivamente.

O traballo desenvolveuse no Grupo de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal e foi dirixido polo profesor da USC Jesús Aboal Viñas e a investigadora da Estación Biolóxica de Doñana, pertencente ao CSIC, Teresa Boquete Seoane. A tese, que obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, desenvolveuse grazas á financiación conseguida no programa de axudas predoutorais para a Formación do Profesorado Universitario (FPU) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un documental mergúllase nos bosques de carrumeiro, un tesouro das costas galegas

Os submarinistas Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez asinan unha peza audiovisual que se estreará o 5 de novembro na Semana de Cine Submariño

Galicia rexistra a maior exposición a fume de segunda man en interiores entre mulleres novas

Un estudo revela que afecta o 41,3% das galegas de entre 15 e 34 anos, malia ser unha das comunidades con menor prevalencia de consumo

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100