Ler máis: O Prestige e a ciencia, 17 anos despois
– Que foi o que provocou o accidente do Prestige?
– A morte negra: máis de 100.000 aves atrapadas no chapapote
– A ciencia galega durante o ‘Prestige’, “marxinada, relegada e censurada”
– A saúde esquecida dos voluntarios: risco de cancro e danos respiratorios persistentes
– Antonio Figueras: “Pedinlles, por favor, que deixaran de pasear o barco”
– O pecio no fondo do mar: dos ´fíos de plastilina’ á ‘estabilidade’, por agora
O 13 de novembro de 2002, a primeira hora da tarde, o capitán do petroleiro Prestige, Apostolos Mangouras, facía unha chamada de auxilio debido a unha fenda no deteriorado casco do buque, polo que comezaba a saír fuel en dirección ás costas galegas. Seis días despois, tras un errático rumbo, o barco partiu pola metade e afundiu no Atlántico e desatou unha catástrofe no país.
Estes días cúmprense 17 anos do desastre medioambiental e dunha histórica mobilización social, en forma de solidariedade e protesta contra a moi cuestionada xestión naqueles días. A comunidade científica, que nos primeiros días manifestou que non foi tida en conta na toma de decisións, despregou un inmenso traballo para estudar os danos da marea negra: centos de investigadores e centos de investigacións intentaron comprender e poñer remedio á catástrofe. “Saíronnos moitas canas aqueles días”, conta hoxe un dos científicos que tomou parte naquel traballo.

Despois da chamada de auxilio, e co barco deixando xa unha estela de chapapote, comezou a incerteza. O día 14, o Prestige amenceu moi preto das costas de Muxía, que acabaría sendo a “zona cero” da marea negra, e era visible desde a punta da Barca.
Desde ese día ata o martes 19, cando o barco parte en dous, afunde e desprende milleiros de toneladas de fuel, a crónica é a dun desastre anunciado. Tras achegarse á Costa da Morte, as autoridades deciden afastar o petroleiro da costa, en contra da opinión de técnicos e expertos, que recomendaban poñelo a abrigo nalgunha ría para localizar e minimizar o dano medioambiental. Anos despois, informes da UE confirmaron que foi un “error” levalo a alta mar.

As condicións en mar aberto, con forte vento e grandes ondas, dificultaron o remolque. Puxéronse sobre a mesa todo tipo de propostas, chegándose incluso a contemplar a posibilidade de bombardear o barco para que o fuel ardese e non chegase ás costas galegas. Pola súa banda, as autoridades portuguesas tiveron que enviar efectivos á zona para asegurarse de que España non levase ao Prestige cara a súas augas.
Mentres o barco agonizaba no medio do mar, a marea negra inundaba a costa e as autoridades decretan a prohibición das actividades pesqueiras. Mariñeiros e voluntarios, en moitos casos sen equipos de protección nin ferramentas axeitadas, bótanse ao mar e ás praias para impedir que o fuel entre nas rías e destrúa unha dos principais sectores económicos do país.
O afundimento do barco liberou enormes masas de fuel que, pouco a pouco, pero irremediablemente, foron chegando á costa galega e estendéndose tamén a Portugal, a costa cantábrica e incluso Francia. Durante meses, voluntarios de medio mundo chegaron ata Galicia para colaborar no que fose posible.
[box size=”large”]Centos de investigadores analizaron as consecuencias medioambientais[/box]
As consecuencias medioambientais foron enormes. Morreron centos de miles de animais, sobre todo aves, enchoupadas en fuel. Algúns estudios detectaron problemas respiratorios, inmunolóxicos e incluso danos xenéticos temporais entre as persoas que participaron na limpeza. Con todo, pouco a pouco, grazas a estes traballos e á propia dinámica do mar, a pegada da marea negra foi desaparecendo. Hoxe en día, apenas queda pegada nos ecosistemas, segundo sinalan os expertos.
O pecio, partido en dúas partes, separadas por varios quilómetros de distancia, fica no fondo do Atlántico, a máis de 3.500 metros de profundidade. Aínda que se atopa nunha zona escarpada, con certa actividade sísmica. Non en tanto, segundo os científicos que analizaron a situación, é bastante improbable que se produzan novos vertidos, xa que o fuel está prácticamente solidificado debido ás condicións de temperatura e presión nas que se atopa o barco.
Porén, a pegada na memoria das persoas que viviron aqueles días permanece. A solidariedade e os movementos de protesta contra a xestión da catástrofe mudaron a sociedade galega. Cando se cumplen tres lustros daqueles días, como cada ano, lembramos de novo o que aconteceu.