Plan da UVigo para conservar o cabalo galego de monte

O cabalo galego de monte é un equino de pequena estatura. A alzada á cruz chega ata os 120 ou 140 centímetros. Pero ten unha longa historia, pois aparece retratado en petroglifos como os de Viladesuso, da idade de Bronce, ou na diadema de Ribadeo, na que están gravados cabalos montados xunto a crías e guerreiros, nunha peza datada do 2500 a.C. ao 2000 a.C.

Tamén chamado Cabalo de Pura Raza Galega (PRG), poni galego, cabalo do país ou faca galiciana, a finais do século XX atopábase en perigo de extinción. En 1999, o censo só chegaba aos 190 exemplares. Pero un programa de recuperación levou a contar máis de 1.500 exemplares no 2012.

Publicidade

Agora, un plan dirixido por investigadores da Universidade de Vigo busca o estudo e conservación desta especie.

O alcalde Cotobade, Jorge Cubela, o presidente de Caroi, Jesús Fortes, e Enrique Valero.
O alcalde Cotobade, Jorge Cubela, o presidente de Caroi, Jesús Fortes, e Enrique Valero.

Cando, hai preto dun ano, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, puña en marcha un proxecto de investigación sobre o estado e a conservación da raza Cabalo Galego do Monte, financiado pola Fundación Biodiversidad, situaba entre os seus obxectivos prioritarios alcanzar acordos de custodia do territorio con diferentes colectivos e entidades que permitisen dar continuidade no tempo a esta liña de traballo. E isto é precisamente o que fan posible os tres acordos que o grupo que encabeza o director do centro, Enrique Valero, asinou este xoves cos concellos de Cotobade e Cerdedo e coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Caroi, que permitirán aos investigadores da Universidade de Vigo seguir analizando o estado das poboacións desta raza autóctona no espazo protexido da serra do Cando.

Publicidade

“Basicamente, o que se pretende é que todas as medidas de xestión ou conservación que leven a cabo, se fagan sempre velando pola conservación do cabalo e a mellora das súas poboacións”, sinala a investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, dun compromiso que, no caso da CMVMC de Caroi, abrangue tamén que nos traballos de conservación que se realicen “prime sempre unha convivencia cos usos tradicionais destes espazos, como o agrícola e o gandeiro”.

Os expertos cren que o cabalo de monte ten un papel para evitar incendios forestais

Seleccionado pola Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, dentro da súa convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2015, o proxecto Estudo e conservación do Cabalo Galego do Monte a través de acordos de custodia do territorio na Serra do Cando e no Monte Cabalar, constituíu, como explica Álvarez, unha “ primeira experiencia piloto”, dirixida a coñecer o estado das poboacións deste animal nestas dúas áreas, o seu comportamento natural e os diferentes factores que inflúen nelas.

Os resultados desta experiencia piloto serán presentados o vindeiro mes de outubro nunhas xornadas na EE Forestal. Ademais de censar e coñecer a realidade desta raza, o grupo AF-4 avalía o papel que xoga a especie en “procesos ecolóxicos esenciais”, como a conservación das uceiras e doutros hábitats prioritarios, o que o converte en “esencial para a prevención de lumes”, como apunta Enrique Valero, que incide en que un dos focos deste estudo é “comprobar a influencia do cabalo como controlador de incendios forestais”. Do mesmo xeito, tamén se porá sobre a mesa a incidencia que ten o feito de que esta especie sexa unha presa habitual do lobo ibérico.

Tamén se estudou a relación entre o cabalo galego de monte e os cabalos salvaxes portugueses, coa vista posta en futuros estudos conxuntos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

Pacientes de párkinson practican ciclismo e remo coa realidade virtual da UVigo

O proxecto do campus de Pontevedra pretende mellorar a integración dos doentes con exercicios curtos pero de alta intensidade que resulten motivadores

A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

O evento da UVigo englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España