Xoves 18 Abril 2024

A análise do pelo dos cans confirma que sofren estrés nos refuxios

Un estudo mide os niveis de cortisol na pelaxe dos animais e determina que os centros de acollida poden ser espazos moi angustiosos

Nun novo estudo, un equipo de investigadores da Universidade de Utrecht (en Países Baixos) examinou o pelo de 52 cans de refuxio en catro momentos: xusto antes do ingreso, despois de seis semanas no centro, seis semanas despois da adopción e seis meses despois da adopción. O traballo, publicado na revista Scientific Reports, permitiu comparar os valores desta hormona nos animais antes do seu ingreso cos doutros 20 cans domésticos, similares en canto a raza, idade e sexo.

A hormona do estrés, o cortisol, acumúlase no pelo, tanto no dos humanos como no dos animais. Así, se se miden os niveis de cortisol, pódese saber se unha persoa ou un animal sufriu algún tipo de ansiedade e como se recuperou ao longo de semanas ou meses, en función da lonxitude de pelo examinado. Esta técnica usouse amplamente en humanos e outras especies, incluídos os cans.

Publicidade

A hormona do estrés, o cortisol, acumúlase no pelo de humanos e animais

Os resultados revelan que non hai diferenzas entre os niveis de cortisol dos cans cando entran no refuxio e o grupo de control de cans domésticos. Tras seis semanas no refuxio, os niveis desta hormona no pelo aumentaron un terzo. Nas medicións realizadas seis semanas e seis meses despois da adopción, os niveis de cortisol diminuíron, ata chegar a valores similares aos do ingreso no refuxio.

O cortisol na uriña

Janneke van der Laan, da universidade holandesa e coautora da investigación, explica en declaracións á Agencia SINC: “Ademais das medicións de cortisol no pelo, tamén avaliamos os valores desta hormona nos ouriños dos cans. Isto ofreceu unha imaxe a curto prazo, mentres que as medicións no pelo facíano a longo prazo”.

O equipo realizou medicións diarias no refuxio durante máis dun ano. “Despois da adopción, os novos propietarios –tras unhas claras instrucións– cortaron o pelo dos cans e enviáronnolo. Foron moi serviciais e entusiastas, e estaban moi interesados no que o seu can experimentara antes da adopción.”

Os cans pequenos sofren máis

Un resultado interesante para os científicos é que os cans de menor tamaño adoitan ter niveis de cortisol máis altos que os grandes. “Tamén vimos este patrón en estudos anteriores sobre todo ao analizar o patrón de descanso dos cans de refuxio. Non temos unha hipótese clara de por que é así, pero é interesante e é unha área de interese para futuras investigacións”, declara Van der Laan.

O niveis da hormona son máis altos nos cans pequenos ca nos grandes

Os científicos detallan, ademais, que todos os cans de refuxio examinados estaban no mesmo centro. Destacan tamén o feito de que haxa diferenzas significativas entre os diferentes albergues, non só dentro dos Países Baixos, onde se realizou o traballo, senón tamén a escala internacional. “Sabemos que un refuxio non é unha contorna libre de estrés para os cans, aínda que os membros do persoal fagan todo o posible por conseguir o maior benestar posible”, afirma Van der Laan. “Aínda que se organice un refuxio da mellor maneira posible, segue habendo factores de estrés, como as aglomeracións doutros cans e o non poder saír ao exterior coa frecuencia habitual. E o máis importante: o can afástase da súa antiga contorna familiar”, continúa.

No caso do centro holandés, este é pioneiro na mellora do benestar dos cans: por exemplo, utilizan paredes de cristal en lugar de barrotes para reducir a contaminación acústica dos cans. “O feito de que medísemos un aumento da cantidade de cortisol mesmo neste refuxio, suxire que tamén será o caso noutros albergues”, conclúe a investigadora.


Referencia: Evaluation of hair cortisol as an indicator of long-term stress responses in dogs in an animal shelter and after subsequent adoption (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España

O achado do óso dun can proba que a especie foi domesticada hai máis de 17.000 anos

Investigadores da Universidade do País Vasco identificaron un úmero canino prehistórico na cova de Erralla que se corresponde cun exemplar de hai 17.000 anos

Estes son os danos que provocan as vagas de calor na saúde animal

Expertos galegos indican que varias especies sufriron queimaduras, golpes de calor e incluso a morte derivada das altas temperaturas