Estudan en Ourense os efectos dos metais pesados nos microbios do solo

Estudar os efectos da acumulación de metais pesados sobre os microorganismos do solo, contribuíndo a esclarecer cando sería necesario intervir nun solo contaminado por metais pesados desde o punto de vista das comunidades microbianas existentes nel. Con este obxectivo, o investigador David Fernández Calviño desenvolve un proxecto que conta con financiamento estatal e que ten como finalidade última “xerar coñecemento que permita dispor de ferramentas axeitadas para avaliar a contaminación do solo por metais pesados, contribuíndo a mellorar a xestión destas áreas”.

Traballos da investigación no campus de Ourense.
Traballos da investigación no campus de Ourense.

O proxecto, titulado Avaliación da contaminación do solo por metais pesados. Utilización das comunidades microbianas do solo como indicadores do uso sustentable do territorio, está financiado con 151.250 euros pola convocatoria 2015 Proxectos de I+D+I para Xóvenes Investigadores sen Vinculación ou con Vinculación Temporal, do Ministerio de Economía e Competitividade. Cunha duración de tres anos, a investigación desenvólvese nos laboratorios da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo, situados na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación.

Publicidade

Moitas das actividades desenvolvidas polo ser humano, detalla Fernández Calviño, conduciron a incrementos da concentración de metais pesados en moitos solos ao longo do planeta. “Unha vez no solo, os metais pesados poden afectar negativamente ás súas funcións e pór en risco os servizos por el prestados. Por tanto, é necesaria a monitorización dos solos nos que existe risco de contaminación por metais pesados, e no seu caso, tomar medidas para minimizar os impactos desta acumulación”, subliña. Neste contexto, sinala o investigador, “existe un importante problema a resolver: cando se debe actuar?, é dicir, a partir de que niveis de acumulación de metais pesados no solo debemos intervir?”

Os microorganismos alertan de cando hai que intervir no solo

Co obxectivo de avanzar na resposta a esta e outras preguntas, na investigación que se desenvolve desde o campus de Ourense afondarase no concepto de tolerancia das comunidades bacterianas aos metais pesados, tal e como indica o responsable o proxecto. En primeiro lugar, detalla, “optimizarase o método de determinación da tolerancia das comunidades bacterianas a cinco metais pesados (cobre, zinc, níquel, chumbo e cromo), en relación ás condicións óptimas de pH, efectos do carbono orgánico disolto, etc”. O seguinte paso, engade o investigador da Universidade de Vigo, será avaliar os niveis base de tolerancia das comunidades microbianas aos metais pesados en solos non contaminados en relación ás súas propiedades edáficas (material de partida, textura, pH, materia orgánica, etc.). “Con isto elaboraranse táboas de niveis de referencia para solos non contaminados que serán útiles para comparar os datos obtidos en áreas contaminadas cos niveis de referencia”, explica David Fernández, doutor, enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de montes.

Publicidade

A investigación, adianta o seu responsable, continuará coa obtención das medidas de tolerancia en solos con moi baixa actividade microbiana por posuír un pH extremadamente acedo e baixo contido en materia orgánica, circunstancia que se tentará conseguir mediante a adición de substratos que incrementan a actividade bacteriana. “Isto será de utilidade para a avaliación da contaminación de metais pesados en áreas mineiras”, indica Fernández Calviño. Ademais, engade, estudarase o incremento da tolerancia das comunidades bacterianas aos metais en resposta a adicións de metais pesados ao solo en condicións de laboratorio e a diminución da tolerancia tras dous tratamentos de restauración, un de inmobilización dos metais pesados e outro de mobilización e posterior eliminación dos metais pesados do solo.

Por último, detalla o investigador da Facultade de Ciencias, afondarse nas relacións existentes entre a capacidade dos solos para reter metais e a tolerancia das comunidades bacterianas aos metais pesados. Tamén se estudarán as relacións existentes entre a tolerancia a metais pesados desenvolvida polas comunidades bacterianas do solo e as distintas formas nas que os metais se acumulan no solo asociándose a diferentes compoñentes do mesmo, é dicir, ao seu fraccionamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga